Fene reafírmase no 25N: feminismo en acción contra a violencia machista

O Concello de Fene reafirma o seu compromiso coa igualdade e a loita contra a violencia machista cunha programación especial polo Día Internacional contra a Violencia Machista, baixo o lema “Fene facendo a revolución, feminismo en acción”. Segundo destacou a concelleira de igualdade, Sandra Permuy, “queremos ir máis aló dunha simple conmemoración, mobilizando á veciñanza a apostando por accións que promovan o coñecemento, a reflexión e o cambio social”.

Entre as accións destacadas figura unha charla informativa no CPI A Xunqueira, dirixida ao alumando de 4º da ESO, e que terá lugar no mes de decembro. Abordaranse temas como as agresións sexuais e a violencia sexual, co obxectivo de contrarrestar a desinformación que circula nas redes sociais e fomentar relacións igualitarias. “É esencial traballar coas xeracións máis novas para desmontar os mitos sobre a violencia machista e previr comportamentos tóxicos”, subliñou Permuy.

Outra das iniciativas chave foi a realización dunha enquisa social para coñecer as percepcións da poboación fenesa en diferentes tramos de idade, incluíndo participantes das escolas de memoria para persoas maiores, adolescentes e usuarias do programa INDIRA.

A enquisa abordou preguntas como se as persoas coñecen o motivo de elección do 25 de novembro ou como reaccionarían ante un caso de maltrato próximo. Estes datos, segundo explicou a concelleira, permitirán “deseñar políticas públicas máis efectivas e adaptadas ás necesidades reais da cidadanía”.

Como novidade, o espazo “Sementando Igualdade” albergará unha biblioteca feminista, que estará dispoñíbel desde finais desta semana. Trátase dun punto de acceso libre onde a veciñanza poderá coller e deixar libros sobre igualdade de xénero, unha aposta por democratizar e facilitar o acceso ao coñecemento. Ademais, o Concello de Fene, instalará bandeirolas nas inmediacións da Casa do Concello e das entidades veciñais, reforzando a visibilización desta data e convidando á reflexión colectiva.

Acto central da Marcha Mundial das Mulleres.

O acto central comarcal de conmemoración do Día Internacional Contra a Violencia Machista terá lugar o propio 25 de novembro, ás 19h, na Praza do Alcalde Ramón José Souto González. Está organizado pola Marcha Mundial das Mulleres, baixo o lema “A violencia machista toma moitas formas, combatámolas todas”. Permuy quixo salientar o carácter autoorganizado do feminismo galego, e o protagonismo das mulleres neste acto que busca visibilizar e combater todas as formas de violencia machista.

Lea también

Cabanas refuerza durante el verano los efectivos de la Policía Local

El Concello de Cabanas incorpora dos auxiliares de policías locales para reforzar el cuerpo policial …