O evento, que aglutina ano tras ano a xogadores das catro provincias galegas, celebrarase no Casino Aresano tanto en horario matinal como de tarde, cun parón para xantar.
O club aresán ADR Xabre e a Federación Galega de Dominó, coa colaboración do Concello de Ares na coordinación e xestión loxística, veñen de presentar o XVI Open Dominó de Ares, un evento que ano tras ano aglutina no Casino Aresano aos mellores xogadores deste deporte chegados dende toda Galicia.
A competición organizarase este mesmo sábado, 16 de novembro, a partir das 10:15 horas, divididos tanto en horario de mañá como de tarde, cun breve parón para a comida, finalizando preto das 18:40 horas. Haberá dúas modalidades de xogo, cadanseu co seu premio en metálico: por equipos (mínimo de catro parellas e máximo de sete) e por parellas.
A organización contempla galardóns para os tres primeiros clasificados de cada modalidade e, no caso dos equipos, tamén para o cuarto, quinto e sétimo postos, ademais de trofeos conmemorativos dos resultados acadados na xornada.
No tocante ás inscricións, xa se atopan abertas vía telefónica até 15 minutos antes do comezo da proba o propio día 16 de novembro. Para ampliar información e inscribirse, é posible contactar no 617 224 820 ou no 634 256 632. A inscrición ten un custe de 40 euros por xogador, incluíndo o xantar nesa contía.