Fene anuncia o I Concurso de Decoración de Nadal

O certame busca premiar a creatividade e dinamizar a participación veciñal durante o Nadal, promovendo o embelecemento das vivendas e fachadas de Fene. A inscrición está aberta até o 19 de decembro, con cestas de produtos como premios para as mellores decoracións

O Concello de Fene convoca a primeira edición do Concurso de Decoración de Nadal, unha iniciativa dirixida a recoñecer as mellores propostas de decoración exterior entre os veciños do municipio. A través deste certame, o Concello pretende fomentar a implicación da cidadanía no embelecemento das rúas.

O concurso establece dúas modalidades: a modalidade A, dirixida a vivendas unifamiliares, e a modalidade B, para fachadas, balcóns e ventás. Poderán participar todas as persoas maiores de idade que residan en Fene e conten cun espazo susceptible de ser decorado.

A inscrición debe realizarse enviando un correo electrónico a desenvolvemento.local@fene.gal antes do 19 de decembro, incluíndo o modelo oficial de inscrición dispoñible en fene.gal e, cando menos, unha fotografía da decoración.

Para que as decoracións poidan ser valoradas, deberán estar visibles entre o 21 de decembro e o 6 de xaneiro, ambos incluídos, e manter a súa forma orixinal durante este período. Ademais, todas as decoracións deberán contar cunha iluminación adecuada, e valoraranse aspectos como a creatividade, a orixinalidade, o uso de materiais reciclados e a composición inspirada na tradición popular.

O xurado visitará as decoracións durante a noite e seleccionará as dúas propostas gañadoras. Na modalidade de vivendas unifamiliares, o premio consistirá nunha cesta de produtos gourmet cortesía de Bodegas Barral, mentres que na categoría de fachadas, balcóns e ventás o premio consistirá nunha cesta de produtos ofrecida por Eroski Center.

“Queremos que o espírito do Nadal se reflicta nas nosas rúas e que a veciñanza sinta como súa esta celebración, creando espazos fermosos e cheos de luz que conviden a achegarse a Fene e que repercutan no comercio, na restauración e nos servizos locais”, destacou Ángeles Coira, concelleira de Promoción Económica e Turismo, quen anima a toda a veciñanza a participar.

Con iniciativas como esta, o Concello de Fene busca reforzar a identidade local, engalanando o municipio e incentivando á cidadanía a ser parte activa dun Nadal que promete encher de luz e cor as rúas de Fene.

Lea también

O Concello de Somozas celebra o Día das Bibliotecas coa campaña «Libros Libres»

Esta iniciativa consistiu na entrega de once caixas de libros, tanto en galego como castelán, …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *