‘Arte no Camiño’ da Deputación embelece con murais artísticos o Camiño Inglés e de Fisterra-Muxía

A Deputación da Coruña pon en marcha ‘Arte no Camiño’, unha iniciativa que pretende contribuír ao embelecemento urbano nos municipios do Camiño Inglés e de Fisterra-Muxía, ademais de reflectir a historia, lendas e tradicións das peregrinacións a Compostela.

O deputado responsable de promoción do Camiño Inglés, Antonio Leira, a tenente alcalde de Culleredo, Cristina Pardo, o alcalde de Paderne, Sergio Platas, a alcaldesa de Fisterra, Aúrea Domínguez e a concelleira de Turismo de Dumbría, Maruxa Lema, participaron esta semana en Almeiras na presentación da iniciativa, que impulsa os primeiros catro murais nestes municipios, xunto cos artistas MØU e Xoana Almar, de Cestola na Cachola.

Leira explicou que “Arte no Camiño fusiona a tradición peregrina coa arte contemporánea a partir da transformación de espazos urbanos. A proposta arrinca entre este mes de novembro con catro murais creados por artistas locais nos municipios de Culleredo, Paderne, Dumbría e Fisterra, pero esperamos darlle continuidade no resto dos concellos que forman parte destas rutas xacobeas que discorren integramente pola provincia e que a Deputación da Coruña vén impulsando dende hai tempo”.

A iniciativa non só axudará a mellorar a estética das localidades e a promocionar os roteiros de peregrinación da provincia a través dos murais que reflicten a historia e a cultura do Camiño, senón que tamén exercerá de altofalante para artistas locais. Isto é así porque precisamente serán eles os protagonistas das creacións, planificadas de xeito coidadoso e que serán singulares e significativas. Así, co establecemento desta imaxe recoñecible asociada ás obras, comezará a desenvolverse unha identidade propia que se poderá seguir utilizando en edicións futuras do proxecto.

“Trátase de conectar ás persoas peregrinas coas historias e tradicións locais, enriquecendo a experiencia cultural de todos os que transitan estes roteiros. Ademais, con estes murais elévase a estética e dáse unha plataforma de promoción aos e ás artistas”, apuntou o deputado Antonio Leira.

As propostas artísticas

No mural inaugurado hoxe en Culleredo, Lidia Cao recolleu no seu deseño inspirado nas lendas de Monte Xalo, onde se xuntaban as meigas, e combinouno cunha peregrina moza transportando unha estrela do Camiño, que ademais trae consigo o bo agoiro. Trátase dunha metáfora de que a crenza é fundamental, xa que pensar en cousas positivas axuda a atraelas.

Lidia Cao conta cunha ampla traxectoria, avalado por murais seus en numerosas cidades da xeografía española e en países como Estados Unidos, Canadá, Irlanda, Francia, Portugal ou Noruega.

Pola súa banda, a cooperativa Cestola na Cachola pintou o mural en Paderne baseándose na lenda da Ponte do Porco e a historia de amor e desamor entre Roxín Roxal, servidor do señor de Pontedeume, e a noble filla Teresa. Esta ponte é parte do Camiño Inglés, polo que a agrupación apostou po reflectir unha lenda que deu nome ao paso sobre o río do século XII e conta con numerosas referencias ao longo do roteiro.

En Dumbría, MØU desenvolveu a idea da viaxe interior que propicia o Camiño a través da figura do ‘Vákner’, unha figura mítica entre un home e un lobo que, segundo contan as lendas, se aparecía aos peregrinos nos montes durante a peregrinaxe a Fisterra. Este será representado como unha persoa camiñante con roupaxes propias das ‘Mascaradas’ que lembra a épocas do Entroido pero pode ser confundida con lobishomes.

Por último, Nove Noel creou en Fisterra a obra ‘Camiñantes’, na que se expón un xogo de figuras na acción de camiñar en distintos planos, posicións e sentidos. É, polo tanto, unha referencia á diversidade de persoas que discorren polo Camiño ao faro de Fisterra.

‘Arte no Camiño’ encaixa dentro da importante estratexia de promoción do valor cultural que a Deputación da Coruña vén realizando durante os últimos anos. O obxectivo é dar a coñecer a oferta da provincia e promover as visitas turísticas. Dentro dese marco xeral, existe unha firme aposta pola promoción dos Camiños Inglés e de Fisterra-Muxía, que transitan case de xeito íntegro pola provincia. Esta acción, ademais, alíñase cos obxectivos do Plan Director dos Camiños de Santiago en Galicia 2022-2027, que busca a valorización do patrimonio cultural, a sustentabilidade e a mellora da experiencia do peregrino.

Lea también

Unos 200 estudiantes de secundaria participan este viernes en la IV Olimpíada Robótica en Ferrol

 Cerca de 200 estudiantes de ESO de distintos puntos de las provincias de A Coruña …