COGAMI finaliza nova edición do Programa Integrado de Emprego

COGAMI remata o Programa Integrado de Emprego de Galicia 2023-2024, superando o obxectivo de inserción laboral, dirixido a mellorar a empregabilidade de persoas con discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33% ou con incapacidade laboral para a súa profesión habitual.

Fernando Pita usuario Programa Integrado COGAMI Ferrol

Financiado pola Conselleríade Promoción do Emprego, Comercio e Emigración e o Servizo Público de Emprego Estatal, o programa acadou un éxito notable ao inserir o 64% das 100 persoas participantes: 15 inseridas en Ourense e en Ferrol, 18 en Pontevedra e 16 en A Coruña.

Dende a área de Emprego de COGAMI, a súa coordinadora, Mari Carmen Ínsua, destaca que o programa “superou amplamente o obxectivo inicial de inserción laboral, que era do 40%”. Ínsua pon en valor estes resultados que ve como “moi positivos, pois as persoas con discapacidade teñen maiores dificultades de incorporación ao mercado laboral e, aínda que houbo persoas que non acadaron o obxectivo de inserción, é moi favorable o seu contacto co mercado laboral”.

O programa contou coa participación de 54 homes e 46 mulleres inscritas nas oficinas que COGAMI ten en Ourense (onde foron seleccionadas 26 persoas para este programa), en Ferrol (participando 25 persoas), en Pontevedra (23 persoas seleccionadas) e en A Coruña que contou con 26 persoas participantes. Todas melloraron as súas opcións de inserción laboral grazas á formación adaptada ás necesidades do mercado laboral e máis de 400 horas de capacitación teórica en temáticas como atención ao cliente, mantemento de instalacións, control de accesos, técnicas administrativas e ofimática.

Ademais da formación teórica, os participantes realizaron 50 horas de prácticas en empresas, o que lles permitiu adaptarse ás necesidades reais do mercado. A formación completouse con asesoramento en habilidades sociais, técnicas de coaching e intelixencia emocional para afrontar entrevistas e fomentar o emprendemento.

Dende COGAMI, Mari Carmen Ínsua pon en valor “a implicación das empresas contactadas que solicitaron candidaturas para cubrir postos de traballo e tamén para colaborar na realización das prácticas formativas”.

Persoas participantes

A oficina de COGAMI en Ferrol seleccionou a 25 persoas da bolsa de emprego: 7 persoas de Ferrol, 5 de Fene, 1 de Mugardos, 5 de Narón, 1 de Ares, 1 de San Sadurniño, 4 de Neda e 1 de As Pontes. Todas estas persoas seleccionadas dentro do Programa Integrado son entrevistadas polo persoal técnico de inserción laboral para coñecer as súas capacidades e aqueles aspectos a traballar coa persoa candidata á hora de afrontar un posto de traballo.

Fernando Pita Veiga, beneficiario do programa en Ferrol

Fernando Pita, veciño de Neda, é unha das 15 persoas inseridas a través do programa de emprego que desenvolve a oficina de COGAMI en Ferrol. Hai 14 anos, tras finalizar a súa actividade no sector da hostalería e atoparse en situación de desemprego, decidiu achegarse ao servizo de Emprego de COGAMI na procura de novas oportunidades.

Desde entón, participou activamente en diversos programas e formacións, ampliando as súas competencias en sectores variados, o que lle permitiu realizar traballos en áreas como a limpeza viaria, o transporte e a limpeza industrial.

Recentemente, Fernando foi informado pola súa orientadora laboral sobre o inicio do Programa Integrado de Emprego, no que decidiu participar. Describe a súa experiencia no programa como «moi positiva» e destaca especialmente o valor das charlas impartidas por persoas de edicións anteriores, quen compartiron as súas propias vivencias e aprendizaxes.

Aos 54 anos, Fernando recoñece que «con esta idade é máis complicado acceder a un posto de traballo» pero a súa determinación e esforzo déronlle resultado. Dende abril, forma parte do equipo da tenda outlet Pull&Bear no proxecto For&From, unha iniciativa que promove oportunidades laborais para persoas con discapacidade. “Esta é unha oportunidade que serve para subirche a autoestima”, expresaba.

Esta inserción laboral non só representa un paso adiante na carreira de Fernando, senón que reflicte o impacto positivo do programa de COGAMI ao facilitar a inclusión laboral e apoiar a diversidade no mercado de traballo.

Lea también

A Deputación destina 300.000€ para apoiar proxectos medioambientais na provincia

A Deputación da Coruña abre o vindeiro luns 16 de decembro, o prazo de solicitudes …