Un grupo de quince nenos de sexto curso de Infantil do colexio de Piñeiros desprazouse este martes 29 con persoal docente ao Concello de Narón para participar na primeira das visitas de coñecemento da administración local programadas para o actual curso 2024-2025.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, recibiunos no salón de plenos, onde tiveron tamén a oportunidade de ver o vídeo “Nara de Narón”, sobre o funcionamento e a historia da cidade. A programación destas visitas continuará desenvolvéndose nos vindeiros meses, estando xa concertadas en novembro as de alumnado do colexio Ponte de Xuvia, para o 5; da Jorge Juan, o día 8; da Solaina, o día 12; e da Gándara o día 29.
Así mesmo, o 3 de decembro será o turno do alumnado de sexto de Infantil do colexio do Feal e o 10 do Virxe do Mar. Os menores, unha vez no salón de plenos, interesáronse ante a rexedora local por diferentes cuestións, preguntando dende as sillas que ocupan habitualmente os concelleiros da corporación local.
A alcaldesa respostou a todas as preguntas e interesouse tamén por coñecer a opinión dos nenos sobre a cidade para finalmente entregarlles uns agasallos institucionais e sacar con eles unha fotografía de grupo como recordo da súa visita ao Concello.
Unha vez rematada a reunión no salón plenario os escolares realizaron unha imaxe por quendas no photocall da abella Nara. Así mesmo, coñeceron o funcionamento e parte dos servizos que se ofrecen dende o Concello, participaron en xogos interactivos e visitaron as instalacións da Policía Local no Consistorio. A programación de cada xornada ten unha duración aproximada de hora e media.