«GASTROMAR Cedeira» rutas guiadas mariñeiras na vila

Os días 27 de outubro e 2 de novembro terán lugar as rutas guiadas gratuítas sobre o patrimonio mariñeiro e a importancia histórica do sector en Cedeira dentro do proxecto Gastromar Cedeira.

O Concello de Cedeira ofrece durante o mes de outubro e novembro dúas visitas guiadas gratuítas nas que promocionar e dar a coñecer o patrimonio natural e especialmente o marítimo pesqueiro da vila. Un dos principais obxectivos de esta actuación é a valorización dos oficios e do produto local pesqueiro, dando visibilidade aos traballos das confrarías e a importancia histórica das mulleres nestes sectores.

«GASTROMAR Cedeira» é unha iniciativa para a revalorización do sector mariñeiro a través de actividades orientadas a diferentes públicos. Para poder participar destas visitas será necesario inscribirse previamente a través do teléfono +34 648 87 77 80.

Entre estas actividades destacan tamén as aulas mariñeiras para o alumnado de primaria e secundaria dos centros educativos locais; exposicións exteriores sobre as xentes do mar, a gastronomía, o coidado e conservación do medio ou o consumo responsable; sesións formativas de cociña mariñeira para profesionais da hostalería local para o aproveitamento do produto e subproduto e a sensibilización sobre a emerxencia climática, e tamén, accións de comunicación para a difusión das actividades do proxecto.

O proxecto «GASTROMAR Cedeira: promoción do consumo do produto mariñeiro local» foi impulsado polo Concello de Cedeira para financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal na convocatoria 2023.

Lea también

Séptimo Premio Nacional María Moliner para a Biblioteca Municipal de Ares

O equipo bibliotecario da localidade vén de ser condecorado esta semana con este galardón que …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *