Os principais programas son o PEL-Concellos, que financia a contratación de 400 persoas para a execución de obras e servizos municipais, e o de servizos sociais, que contrata a 180 profesionais e 400.000 horas anuais de servizo de axuda no fogar.
A Deputación da Coruña destina 19.399.793 euros a apoiar aos concellos da provincia a través de 15 liñas de subvencións de cara ao ano 2025. O prazo de solicitudes para os concellos que desexen optar a estas axudas está aberto desde o pasado luns 21 de outubro.
Estas liñas de axuda enfócanse, de xeito principal, á contratación de persoal en diferentes áreas dos concellos para reforzar os servizos municipais en cuestións vencelladas ao emprego, os servizos sociais, a cultura, o deporte, a promoción do turismo ou normalización lingüística, permitindo un dobre obxectivo: crear emprego e ofrecer mellores servizos á cidadanía.
Así, os concellos da provincia poden optar a subvencións da Deputación para a contratación, a partir do 1 de xaneiro de 2025 de especialistas en distintos sectores, como técnicos de cultura, de deportes ou de servizos sociais, persoal do servizo de axuda no fogar, axentes de igualdade de xénero, socorristas de piscinas municipais ou equipos de limpeza de praias, entre outros moitos, o que contribúe a mellorar múltiples servizos locais.
Creación de 1.600 empregos e mellora dos servizos municipais
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que estes programas “supoñen a creación ou mantemento de 1.600 empregos ao ano nos concellos” e “favorecen o acceso aos servizos sociais, a cultura ou o deporte, de forma que os concellos máis pequenos podan contar con persoal para ofrecer servizos de calidade, ao nivel das vilas e cidades con máis poboación e recursos”.
Neste sentido, apuntou que “son programas que axudan a fixar poboación no rural, un dos obxectivos principais da Deputación neste mandato”. Estes programas permiten que, por exemplo, concellos moi pequenos como Abegondo, Rois ou Carnota podan ter abertas escolas de música, que municipios como Neda podan financiar máis de 16.000 horas anuais de axuda no fogar, que concellos do tamaño de Corcubión ou Mañón podan contratar persoal para limpar as súas parias durante o verán ou que Frades, Dodro ou Mesía dispoñan de técnicos de cultura ou deportes para deseñar e planificar as súas actividades.
Pola súa banda, o vicepresidente Xosé Regueira afirmou que estes programas “apoian aos concellos para que conten con persoal cualificado en materias tan importantes como a cultura, a igualdade ou a normalización lingüística, entre moitos outros”.
“No caso do turismo, por exemplo, é esencial apoiar a creación destes postos para a planificación dun sector que representa o 12% do PIB da provincia e o 14% do emprego, que maioritariamente é xoven e feminino”, apuntou o vicepresidente e responsable da área de Turismo.
Servizos sociais e emprego, os programas máis destacados
Dentro deste abano de programas de financiamento destacan os máis de 9,1 millóns de euros destinados pola Deputación da Coruña ao financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais, que permitirán contratar durante todo o ano 2025 a uns 180 profesionais dos servizos sociais nos concellos, así como cofinanciar cos concellos arredor de 400.000 horas de servizo de axuda no fogar, un dos servizos máis demandados.
Tamén destacan os 3,6 millóns de euros que se destinan ao programa PEL-Concellos, cos que a Deputación apoiará a contratación de máis de 400 persoas durante o ano 2025 para a execución de obras e mellora de servizos municipais.
No referente ao persoal técnico, a Deputación destina un millón de euros para a contratación de persoal para os servizos de Deportes, 770.000 euros para os de Cultura, 540.000 para a Normalización Lingüística, 450.000 para os de Igualdade de Xénero e 400.000 para os de atención en centros museísticos.
O goberno provincial tamén aposta por ofrecer soporte a actividades de envellecemento activo, un novo programa que conta cun orzamento de 294.000 euros, a adquisición de vehículos para os desprazamentos do persoal de servizos sociais (100.000 euros) e o mantemento de conservatorios, escolas de música e escolas de danza municipais (475.000 euros) nos concellos da provincia.
Ademais, a xestión das praias tamén conta cunha evidente atención grazas aos 900.000 euros que se destinarán á contratación de brigadas durante a tempada estival para a limpeza dos areais dos 41 municipios costeiros da provincia e aos 306.000 para a contratación de servizos de socorrismo en piscinas municipais e praias fluviais. Ambos programas supoñen cada ano a creación de máis de 300 postos de traballo durante a tempada estival.
Por último, os municipios de menos de 50.000 habitantes tamén poderán optar a un liña dotada con 800.000 euros para o financiamento do gasto de persoal das oficinas de turismo e medio millón para a realización de actividades de promoción económica.
Un investimento que se suma aos máis de 100 millóns do Plan Único
Deste xeito, a Deputación da Coruña cristaliza un amplo programa de soporte económico aos 93 concellos da provincia, que ademais destas liñas de axudas contan con financiamento para obras, gasto corrente, servizos públicos e iniciativas de carácter social a través do Plan Único. Un Plan Único que este ano 2024 superou a cifra récord de 100 millóns de euros e que, desde a súa creación no 2017 derivou na execución de máis de 4.000 obras e miles de servizos básicos mellorado nos concellos coruñeses.