Fene dá a benvida ao alumado-traballador do Obradoiro Inicia VIII

O Concello de Fene acolleu na mañá do martes 22 a recepción oficial do alumnado – traballador que formará parte do Obradoiro Inicia VIII. O acto, presidido polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, incluíu a sinatura dos contratos do programa, que se desenvolverá na modalidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial.

Durante o próximo ano, até o 21 de outubro de 2025, as 16 participantes -14 homes e 2 mulleres- adquirirán formación e experiencia laboral nun sector de alta demanda na comarca. Deste alumnado, 10 proceden de Fene, 5 de Mugardos e 1 de Ares.

Juventino Trigo, alcalde de Fene, deu a benvida ás participantes, destacando a importancia deste tipo de iniciativas formativas. “Este obradoiro é unha gran oportunidade para a mocidade do noso concello e da comarca, non só pola adquisición dos coñecementos teóricos e prácticos, senón tamén porque as participantes recibirán un certificado de profesionalidade que abre as portas a novos empregos nun sector que está en pleno auxe”, sinalou.

Trigo tamén quixo poñer en valor o compromiso do goberno local coa formación e o emprego, subliñando a alta taxa de inserción laboral que ten este programa. “Varios dos alumnos e alumnas da pasada edición xa asinaron os seus primeiros contratos laborais grazas á formación recibida, o que reflicte o impacto positivo que iniciativas coma esta teñen na vida profesional da mocidade fenesa”, destacou o rexedor fenés.

Ademais do alumando, tamén se contratou ao persoal encargado da xestión e docencia do obradoiro, composto por unha directora, e tres docentes en diferentes modalidades: tubaxe industrial, formación básica e formación empresarial.

O Obradoiro Inicia VIII está organizado polo Concello de Fene, en colaboración cos concellos de Ares, Mugardos e Cabanas, e conta cunha subvención da Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración. Está dirixido a mozas e mozos menores de 30 anos empadroados nalgún dos catro concellos participantes.

Lea también

Solicitud en Neda de la exención del impuesto de rodaje por movilidad reducida

Vecinos con movilidad reducida pueden solicitar en el registro municipal de Neda o a través …