A Fundación Ronsel e o Campus Industrial da Universidade da Coruña convocan o I Concurso Iniciativa Emprendedora ActitudE co obxectivo de premiar aquelas ideas e/ou iniciativas emprendedoras nadas no Campus Industrial de Ferrol, da man do seu alumnado ou de calquera outro membro da comunidade universitaria, que sexan novidosas e cubran unha necesidade no mercado.
Deste xeito, poderá participar neste certame, de xeito individual ou en grupos de non máis de cinco persoas, o alumnado de grao, de máster ou de programas de doutoramento do Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña así como calquera outro membro da comunidade universitaria. No caso do estudantado egresado, este deberá ter rematado os seus estudos nos últimos catro anos.
O xurado do concurso, integrado por persoas expertas no eido do emprendemento, valorará a orixinalidade e o carácter innovador da proposta, a viabilidade comercial da idea e da súa implementación no mercado, o grao de maduración da iniciativa, o impacto económico e social do proxecto, o grao de implicación da ou das persoas emprendedoras así como a exposición pública que deberán realizar, o mércores 30 de outubro, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, no marco dunha Xornada de Emprendemento.
A proposta gañadora recibirá un cheque por valor de 600 euros e 20 horas de asesoramento gratuíto ofrecido pola rede de persoas mentoras da Fundación Ronsel.
A maiores, tamén se outorgará un accésit dotado con 8 horas de asesoramento para apoiar á persoa ou persoas beneficiarias na maduración da súa idea de negocio. O prazo para presentar as candidaturas permanecerá aberto ata as 23:59 horas do domingo 27 de outubro.
Bases a través do enlace:
https://drive.google.com/drive/folders/1j2MPU41xXZ8nHkT7Bm23fU_i3QUqDRFv
Inscripción a través do enlace:
https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSer9-EophKiCC5xP9jp6y8BTADCWxbEWYMCxNU6Q56CAlI7kQ/viewform