O Galp Golfo Ártabro Norte celebra unha xornada para impulsar a diversificación das confrarías

Este sábado día 19, o Galp Golfo Ártabro Norte organizou unha xornada coa participación de confrarías e concellos do seu territorio O obxectivo central foi impulsar e fortalecer a diversificación das confrarías, así como promover a innovación no sector pesqueiro e facilitar o intercambio de ideas entre profesionais, empresas e institucións, nun acto no que actuou como relatora a súa xerente, Tamara Tilve.

O evento foi inaugurado polo Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, quen destacou a importancia destas iniciativas para asegurar o futuro do sector pesqueiro galego. Seguidamente, Sergio López, xerente da Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Burela, expuxo a experiencia da súa organización, que tivo a súa orixe nunha confraría, e subliñou o papel clave da diversificación e o emprendemento como motores de cambio no sector.

A continuación interviu José Meléndrez Pascual, chef de Atlántico, cocina nómada, quen falou da súa experiencia traballando cos produtos das confrarías. Meléndrez puxo de manifesto como a gastronomía pode ser un motor de diversificación e unha ponteentre o sector pesqueiro e os consumidores finais. A continuación foi o turno de Blue Marine Oil, unha startup innovadora que explicou o seu proxecto, que consiste en aproveitar descartes e subprodutos da pesca para crear produtos para mascotas e cosmética, poñendo en valor a economía circular dentro do sector.

Posteriormente, celebrouse un espazo de debate no que as confrarías participaron activamente, compartindo as súas opinións e ideas sobre a diversificación e interactuando coas empresas e institucións presentes. O intercambio de experiencias facilitou a reflexión sobre novas vías para fortalecer as confrarías e explorar proxectos conxuntos.

A xornada concluíu cunha degustación de seis pratos preparados con produto local das seis confrarías participantes. Este menú degustación foi elaborado de forma conxunta polo chef de Atlántico e José Antonio García Madrigal, de Abica, que traballaron nas cociñas do local La Parda, ofrecendo aos asistentes unha experiencia culinaria que destacou a excelencia e a diversidade dos produtos pesqueiros da zona.

A xornada reafirmou o compromiso do Galp Golfo Ártabro Norte de seguir impulsando a innovación e a diversificación das confrarías, abrindo novas posibilidades para o sector pesqueiro e as súas comunidades.

Lea también

Luz verde a la rehabilitación del edificio de la antigua Aduanas en la zona portuaria

La Autoridad Portuaria de Ferrol-San Cibrao ha adjudicado a la empresa Prace Servicios y Obras …