A Deputación da Coruña presenta o I congreso de turismo gastronómico

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, vén de presentar a primeira edición do congreso ‘Degusta A Coruña, a provincia que sabe’, dentro das accións que está a levar a cabo a institución co obxectivo de identificar a excelencia da cadea agroalimentaria da provincia.

O acto de presentación celebrouse no restaurante A Tafona, xunto a súa chef Estrela Michelín, Lucía Freitas; e onde tamén estiveron José Iglesias e Lucía Calvo, de A Despensa D’Lujo; e Pascual Terrón, de A Conserveira, algúns dos participantes no congreso.

Un percorrido de experiencias gastronómicas

Fronte ao habitual, Degusta A Coruña nace como un congreso disruptivo con carácter itinerante que pretende pór en valor unha industria sostible e comprometida co territorio, o producto e as persoas. Faino a través de diferentes xeodestinos da provincia nun percorrido de experiencias gastronómicas polo territorio que abranguen varios puntos da xeografía coruñesa como Fene, Betanzos, Padrón, Boiro, A Coruña e Carballo.

Durante tres xornadas consecutivas, do 28 ao 30 de outubro, o congreso servirá de escaparate para produtos agroalimentarios, empresas de transformación, distribuidoras e establecementos hoteleiros e de restauración, que desenvolven a súa actividade con parámetros de sustentabilidade e calidade. Grandes corporacións como Estrella Galicia, Xanceda ou Gadisa, pero tamén organizacións máis pequenas como Kibus, Adega Entre Os Ríos, Chichalovers, Galmesán ou Os Biosbardos serán algúns dos poñentes participantes.

Reivindicando a calidade, a sustentabilidade e o talento

“Dende a área de turismo da Deputación sabemos que un dos principais valores do noso turismo é a gastronomía, por iso levamos a cabo a nosa campaña ‘A provincia que sabe’ que, dalgún xeito, culmina neste congreso onde poñemos en valor a gastronomía e o talento dun sector comprometido co país, o produto, a calidade e a sustentabilidade” apuntou o Xosé Regueira. “Estamos moi orgullosos da familia de ‘A provincia que sabe’, e tamén de presentar este congreso que é de moito nivel, coral, diverso e tamén cun equilibrio de xénero, e que servirá para coñecernos mellor, afrontar retos de cara ao futuro e poñer en diálogo aos diferentes sistemas de valor da gastronomía”.

O vicepresidente engadiu que, precisamente, “a nosa pretensión sempre foi poñer en valor o traballo da xente. Temos unha provincia e un país con moito talento, creatividade, calidade, responsabilidade e somos referentes en facer as cousas moi ben, nun territorio como o noso que é excepcional. E todo isto é o que reivindicaremos neste espazo de Degusta A Coruña”.

Varios chefs con Estrela Michelín acudirán ao evento. Entre eles, a compostelá Freitas presentará en Muncyt o seu proxecto ‘Amas da terra’ que reivindica as mulleres produtoras.

“Quero darlle as grazas á Deputación da Coruña e, persoalmente, a Regueira” sinalou Lucía Freitas. “Galiza é unha comunidade chea de bos proxectos, talento, gastronomía, e todos debemos traballar en conxunto e interactuar, porque so dunha forma conxunta e desinteresada podemos crecer, e temos un territorio que merece iso”.

Freitas salientou a calidade dun congreso, “que é moi diferente a todo: é itinerante, vai levarnos ao rural, o que me parece fundamental, porque temos que darlle luz á nosa cadea de produción e á nosa cultura, para poder manter o noso patrimonio, e temos que facelo xa”. Neste sentido, “este congreso servirá para sacar conclusións, aprender e conectar ás persoas do sector primario co resto”.

5 Estrelas Michelín

Ademais dela, tamén estará Luis Veira, do restaurante Estrela Michelín Árbore da Vieira; e virán como convidados especiais a coñecer de preto a nosa gastronomía varios chefs Estrela Michelín de fóra de Galicia como Miguel Cobo, do restaurante Cobo Estratos (Burgos); Juanjo Losada, do restaurante Pablo (León); e Alvar Hinojal, do restaurante Alquimia (Valladolid).

Como peculiariadades, o congreso contará con dúas visitas guiadas, unha a Confraría de Barallobre, en Fene, e outra as pesqueiras do río Ulla, en Padrón. Ademais, unha das localizacións será o Pazo de Goiáns, en Boiro, onde se realizará unha mesa redonda sobre viño e unha charla explicativa sobre a historia da finca e do inmoble para pór en valor o patrimonio cultural do espazo.

Poñentes de luxo

Outro dos platos fortes das xornadas será a mesa sobre dieta atlántica, moderada polo divulgador Ángel Varela, e que contará coa presenza de Mikel Zeberio, Premio Nacional de Gastronomía, sumiller, chef, docente e impulsor de proxectos como o Basque Culinary Center. Con el, estarán tamén Moncho Méndez, do restaurante Millo da Coruña, recoñecido co Premio ‘Cociñeiro Galego 2022’; e tamén o presidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Santiso Miramontes.

Ademais, haberá unha mesa de formación, coa presenza de Beatriz Sotelo, recoñecida chef e docente no CIFP Paseo das Pontes da Coruña; do galego Pablo Márquez, actual director de Gastronomía e un dos principais impulsores do Madrid Culinary Campus (MACC); John Regefalk, docente en Basque Culinary Center; y Eduardo Caridad, da Escola de Hostalería Álvaro Cunqueiro.

En canto aos relatorios, destaca tamén a presenza de Eduardo Sanjurjo, xerente de Kibus, que contará o caso de éxito de Inditex co proxecto Galia, unha plataforma de compra sostible quilómetro cero con produtores de proximidade.

Este congreso, dirixido a público especializado, contará con parte das xornadas abertas ao público. Os actos abertos ao público requieren inscripción previa, que é de balde.

O programa pode consultarse na web www.degustacoruna.gal.

 

Lea también

Palo Santo do Camiño, uno de los mejores quesos mundo por los “World Cheese Award

Palo Santo, con su queso curado “Palo Santo do Camiño” de 12 meses, ha sido …