Vai aló máis de un ano desde que a galería do Concello de San Sadurniño tivo que apuntalarse por motivos de seguridade e algún tempo menos desde que comezaron as obras para restaurala por completo.
Os traballos, orzamentados en 200.000 euros, remataron hai unhas semanas e malia que o espazo está xa aberto como principal corredor de comunicación das dependencias municipais, faltaba por poñerlle o ramo recuperando tamén a súa función como recinto expositivo.
Neste sentido, a galería volverá encherse de arte e cor acollendo unha mostra das acuarelas da ilustradora Blanca Escrigas. A exposición inaugurarase este venres ás 18:00 horas e poderá visitarse ata o 15 de novembro nos horarios de atención ao público das oficinas municipais.
A Blanca Escrigas Fernández (Valdoviño, 1988) gústalle debuxar e pintar desde pequena. E ademais ten man para facelo, cunha aptitude innata para reflectir a realidade con só uns trazos de rotulador negro e toques de acuarela, as súas ferramentas de expresión artística predilectas.
A súa conexión coa acuarela xurdiu grazas a artistas locais como Rafael Romero e González Collado. Non obstante, foi durante os seus anos de estudante de arquitectura cando perfeccionou a técnica que empregaba inicialmente para facer bocetos de proxectos e que logo, andando o tempo, enfocou no debuxo urbano, unha disciplina que, segundo ela, é a que máis a apaixona e predomina na súa obra.
Completou os seus estudos en Madrid, onde residiu durante unha década. Alí, abriu o seu estudio “Lavapiés20” canda a artista plástica compostelá Carlota Pereiro. Este espazo combinaba diversas actividades culturais, como exposicións, concertos e mercados de arte, reflectindo outra das grandes paixóns de Blanca: a xestión cultural.
Actualmente, a artista reside en Valdoviño e conta cun estudio propio en “Espazo Branco”, un proxecto que xestiona coa súa nai e que se atopa na rúa Magdalena 146 de Ferrol. Este espazo está aberto ao público, onde se pode apreciar a súa obra e participar nos cursos e talleres que imparte para persoas adultas e rapazada.
A San Sadurniño traeranos unha escolma do seu traballo, protagonizado maiormente por escenas e recunchos ben coñecidos e recoñecibles da nosa comarca. A mostra inaugúrase este venres 18 de outubro ás 18:00h cun pequeno acto que tamén fará as veces de reapertura informal da Galería da Casa do Concello de San Sadurniño despois da súa restauración.
“Hai unhas semanas que a veciñanza xa pode utilizar a galería para acceder aos distintos servizos, pero faltábanos recuperar a súa función como espazo para exposicións e outros eventos”, explica o alcalde, Secundino García. “As persoas que expuxeron aquí sempre o fan encantadas e coméntannos que é un lugar ideal pola súa luminosidade, porque por aquí pasa moita xente todos os días, o que lle dá visibilidade ás obras, e porque expoñer nun edificio como a Casa do Concello, con tanta historia e tan fermoso como é, sempre enxalza calquera mostra”, engade o rexedor.
O proxecto de restauración da galería, adxudicado ao Grupo Cándido Hermida, contou cun orzamento de 200.000 euros destinados a reconstruír practicamente desde cero tres das catro alas do principal corredor interior da casa consistorial.
Na execución dos traballos reproduciuse ao milímetro o deseño orixinal -algo que xa se fixera na rehabilitación do inmoble de 2014-, coa diferenza de que agora a maior parte da estrutura exposta aos elementos vai construída con madeira de iroko, unha especie tropical de grande dureza e resistencia.
A finalidade da obra era “frear o deterioramento provocado polo uso e polos danos ambientais” que se produciron na última década, pero tamén “mellorar a eficiencia enerxética asegurando que a galería volve cumprir a función de caldear coa luz do sol todo o edificio”.