A concellería de Política Lingüística de Narón, a través do Servizo de Normalización Lingüística, levará aos centros educativos da cidade a proxección do filme A Santa Compaña, de Fernando Cortizo, con motivo da celebración do Samaín.
Así mesmo, realizarase unha proxección pública, de balde, no Pazo da Cultura, o vindeiro martes, día 22, ás 18.00 horas, tal e como avanzou a edil de Política Lingüística, María Lorenzo.
No caso dos centros de ensino, traballarase ademais cunha unidade didáctica nas aulas sobre esta longametraxe documental, dirixida por Fernando Cortizo e que ten como obxectivo recuperar, poñer en valor e difundir unha gran figura emblemática da cultura galega, a Santa Compaña.
Neste filme, no que colabora o Concello, mestúranse entrevistas a testemuñas e visitas a expertos de diferentes ámbitos, ségueselles a pista a algún dos casos máis soados de aparición, analízanse estrañas teorías e hipótesis… e abórdanse diferentes cuestións relacionadas con estas lendas, como a súa orixe, que explicación ten, en que se basea, etc.
En definitiva, tal e como indicou a edil naronesa, tratarase de achegar luz á máis terrible e escura das lendas europeas, a través do formato road movie que nos situará entre o documental sociolóxico e o cine baseado na narración de historias fantásticas, unha innovadora maneira de achegar este fenómeno á xente nova.
A concelleira de Política Lingüística informou que as persoas que desexen ver este filme no Pazo poden recoller os convites na billeteira, de luns a sábado en horario de 9.30 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.