O ciclo de teatro “Ven o Venres” regresa a Valdoviño co espectáculo “Indóciles”

O ciclo municipal de teatro «Ven o Venres» regresa á programación cultural do Concello de Valdoviño cunha proposta centrada en Luísa Villalta, á que neste 2024 se adicou o Día das Letras Galegas.

Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut forman o elenco de «Indóciles», un espectáculo que aúna poesía, música e narración oral, e que o público poderá seguir este venres no auditorio da casa da cultura a partir das 20:30 h. A entrada é libre ata completar aforo, e está dirixida a persoas maiores de 12 anos.

As tres protagonistas crean en «Indóciles» un universo singular ao redor do legado de Luísa Villalta, cunha linguaxe propia coa que se propón explorar o mundo creativo dunha autora comprometida e versátil. A indocilidade, para elas, está na contundencia do sinxelo, nas palabras, nos silencios, nas presenzas, na interrelación entre as tres en escena e co público, na espectacular naturalidade do cotián e do presente. Tamén nos coidados e no activismo social.

«Que é ser indócil?» Pregúntanse para chegar a unha peza cargada de contundencia.

Mónica de Nut é a responsable musical e chega cunha proposta onde a electrónica, voz e pandeira compoñen un repertorio que navega entre a sutileza, o ruído e o silencio, creando un espazo sonoro pasado por filtros, cun traballo vocal e de bases, transmitindo o espírito de Villalta e procurando códigos propios á vez, atopando o empaste perfecto entre música, poesía e oralidade.

A poesía escénica corre da man de Nuria Vil, que decide interpelar á autora utilizando un rexistro que resulta achegado a escoita, buscando respostas e o parecer sobre o que lle está contando a Villalta, tentando traela ao escenario actual da vida.

E é Vero Rilo quen nos leva da man da narración oral, despois de revisitar toda a obra dramática e poética da autora, deixándose remover polo seu extraordinario Papagaio e fusionando á Margarida coa Ofelia e mesmo Lisis,   personaxes femininos da obra de Villalta, facéndoas transitar os camiños das posibles vidas, creando unha narrativa en base á historia de vida ficcionada onde non faltará crítica, amizade, coidados e un cheiro a flores.

Cunha posta en escena sobria e contida, a sutileza dos movementos escénicos, a forza do discurso, da palabra e o son, constrúen un altar para lembrar e festexar ás vivas e ás mortas nunha eterna indocilidade.

Lea también

El Concello de Ferrol aprueba las bases de fomento de la cultura de 2025

Este lunes la junta de gobierno local ha dado el visto bueno a la aprobación …