A Asociación Cultural Vai Rañala Meu! organiza un obradoiro de toque de pandeireta

A Xornada terá lugar este domingo 13 no Centro Cívico Social de Sedes e será impartido por Felisa Segade, unha das voces das míticas Leilía e actual voz do seu novo proxecto musical Tres Pesos.

O obradoiro desenvólvese en dúas quendas unha de mañá e outra de tarde. A de mañá será entre as 10:00 e as 14:00 horas e de tarde entre as 16:00 e as 20:00 horas.

As persoas asistentes poderán achegarse ao toque de muiñeira a man cambiada, xeito de tocar a pandeireta que se conserva na área occidental do sur da provincia da Coruña e da norte de Pontevedra, onde a pandeireta sostense coa man esquerda (sempre nas muiñeiras).

O obradoiro xa ten pechada a matrícula na quenda de mañá, pero quedarían dúas prazas na quenda de tarde.

De novo dende a Asociación Cultural Vai Rañala Meu! «pretendemos promover un marco formativo estable en música tradicional, sobre todo nas materias que non se ofrecen polas entidades da comarca, para que a veciñanza poda acceder a unha formación completa neste eido».

As persoas interesadas poden inscribirse no whatsapp 616 421 882 ou escribindo ao seguinte enderezo electrónico vairanhalameu@gmail.com 

A actividade está organizada pola Asociación Cultural Vai Rañala Meu! e conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación da Coruña.

Batendo na pel: xeitos da pandeireta sostida na esquerda

Este curso está pensado para traballar con xeitos da pandeireta que se conservan na área occidental do sur da provincia da Coruña e norte da de Pontevedra, sen pretender abarcar un todo ben diverso.

A característica principal que atopamos está que é a man esquerda a que sostén a pandeireta,(sempre nas muiñeiras), sendo a dereita a que bate na pel.

Partimos de traballos de campo da mestra Felisa Segade e de outras persoas que a teñen acompañado nas viaxes ou que teñen compartido materiais, inquedanzas e opinións con ela.

Aínda que en outras zonas de Galicia atopamos pandeiretas ou pandeiras sostidas coa man esquerda, centrarémonos na área sinalada, na que amosaremos e estudiaremos xeitos diversos para as muiñeiras.

Ademais de traballar con patróns rítmicos, veremos tamén que estes poden amosar diferentes matices e sonoridades en función do lugar que se estudie, ou da persoa que toca a pandeireta que utilizamos como fonte primaria.

Lea también

O alumeado de Nadal en Narón acenderase este xoves

A concelleira de Festas, Mar Gómez, anunciou que o tradicional acto de acendido do alumeado …