O Concello de Narón colabora coa Asociación de Veciños do Couto na trixésimo primeira edición do ciclo Tempo de Música, que se iniciará este sábado ás 19.00 horas no local social da Picota, no Couto.
A primeira das actuacións correrá a cargo da Xove Banda de Narón, da Asociación Cultural Musical Sementeira.
Todas as actuacións musicais deste ciclo se sucederán as fins de semana, ata o 3 de novembro, no centro cívico social do Couto e con entrada de balde.
O día 13 deste mes será o turno da música coral, a cargo das agrupacións Chorima, de Castro (Narón) e Airiños da Capela (A Capela), uns concertos que darán comezo ás 18.00 horas. Na xornada do día 20 actuarán a rondalla de mulleres Santa Uxía de Mandiá (Ferrol) e Los trasnochadores del Eume (Pontedeume), tamén a partir das 18.00 horas.
A cuarta xornada será o día 27 deste mes, xornada na que se subirán ao escenario o Coro de Espasante (Ortigueira) e a Coral polífónica de Santiso (A Coruña). Finalmente, o 3 de novembro pecharán o ciclo o grupo Culpables, de Neda, e a Coral Amistad, da Asociación de Veciños do Couto, actuacións que se iniciarán ás 18.00 horas.
Dende o Concello valorouse o traballo da entidade veciñal do Couto para organizar novamente este ano o ciclo Tempo de Música, unha das citas musicais máis consolidadas na cidade.
Así mesmo, animouse á cidadanía a acudir a desfrutar desta convocatoria na que colabora o Concello de Narón.