Dúas veces no ano ao San Miguel de Breamo-(José Fonte Sardiña)

José Fonte Sardiña

É ben sabido en Pontedeume que os vilanchos celebramos cada ano no cume do Breamo dúas romarías na honra do arcanxo san Miguel. Así o di a cantiga de Pepe Fonte, recollida por Pepucho Paz Fernández:San Migueliño do noso Breamo / hei de ir alá dúas veces no ano” (Xosé Paz Fernández: “Cancioneiro Popular Eumés (Festas
anuais)”, Pontedeume 1994, p. 127) e tamén o corrobora Ramiro Fonte en “Os ollos da ponte”: “Desde o san Miguel de setembro ata o […] de maio, a vila busca un refuxio en si mesma […]. Por se non abondase con unha, ofrecémoslle dúas festividades ó san Miguel. Abofé que o Arcanxo nolo merece. El segue batallando dun xeito infatigable contra Lucifer e […] os milleiros de demos da infernal aristocracia, censados por un minucioso demonólogo chamado Vicente Risco” (Ramiro Fonte: “Os ollos da ponte”, Vigo, 2004, p. 65-66) (Pepe Fonte cantando cos amigos no San Miguel).

Os eumeses saímos das nosas casas eses dous días ―8 de maio e 29 de setembro― e comezamos a subida a Breamo pola Fontenova na intercesión entre as rúas da Tafona e do Picho, a carón da chamada Fonte da Paloma. Hai tamén quen parte da praza Real e chega aquí subindo polas estreitas escaleiras do adro da igrexa parroquial, que lindan co
edificio mandado facer en 1769 (1751-1772) polo arcebispo Rajoy para acoller dúas escolas, unha para nenos e outra para nenas, que axiña será un novo albergue para os peregrinos que van a Santiago de Compostela (Fonte da Paloma).

Cando eu era novo, a primeira das tres paradas oficiais, co seu grolo de viño preceptivo, facíase nas Escaleiras do Monumento ―talvez o seu nome sexa debido á semellanza que tiñan coa parte central das empinadas escaleiras do Monumento do Xoves Santo, que se levantaba no altar maior do templo parroquial de Santiago de Pontedeume, para que os fieis adorasen o Santísimo Sacramento, desde finais do século XIX ata os últimos anos da década dos sesenta do XX―, outra pouco despois do Falucho, a que fora casa dos nosos queridos Tito Ríos e Fina Vázquez, onde nunca faltaba o convite do saboroso zume de Baco, e a última, xa case chegando á capela (Escaleiras do
Monumento).

“Trátase dun traxecto cheo de dificultades. As pronunciadas pendentes, as arriscadas escaleiras, as sombrizas congostras que gabean pola ladeira do monte non arredan a ningún dos afervoados romeiros. Se un non pode das pernas, un lixeiro empurrón do arcanxo; se outro bota os fígados pola boca, un grolo de viño… Entre descanso e descanso, moitos xa chegan coa ollada aqueloutrada polo milagreiro clarete de Nistal ou Pepe Viños que, tal día coma hoxe, fan o negocio do ano” (Ramiro Fonte: “Os ollos da ponte”, op. cit., p. 71) (Foto de Tito Ríos o 8 de maio de 1964, ao pé da capela, no meu primeiro San Miguel con menos de dous meses).

Así e todo, ben merece o esforzo o premio da chegada á ermida onde todos os eumeses nos xuntamos para celebrar a festa e o encontro coa imaxe pétrea do arcanxo, coa balanza de pesar as almas, realizada por un obradoiro neomateán de Betanzos a principios do século XV (Imaxe pétrea do arcanxo no altar da nave do Evanxeo da
capela).

A festa de San Miguel de Breamo é, desde tempos inmemoriais, unha romaría enxebre e con fondas raíces galegas. Ademais das ancestrais tradicións, que talvez nos deixasen os vellos ártabros, de venerar a divindade no cumio dun monte, dar as voltas ―tres, sete ou nove, consonte o costume de cadaquén― e poñer o santo coa cruz celta ―que ten a figura en relevo do arcanxo coa balanza de pesar as almas no centro―, sempre en lingua galega, desde que eu teño lembranzas, a imaxe do santo sae na procesión acompañada polas gaitas, o bombo e o tambor, que interpretan a marcha do Antigo Reino de Galicia. Aquí escoitei a miña primeira misa en lingua galega, cando o castelán era o idioma oficial e case único da nosa Igrexa, e a interpretación do himno galego, no canto do español, ao alzar no momento da consagración (O rito de poñer o santo).

Conta a lendaria historia que, o 8 de maio do ano 490, o arcanxo san Miguel se lle apareceu nun soño no monte Gargano, situado no sur de Italia, a Lorenzo Maiorano para lle garantir o seu firme compromiso de custodiar ese lugar e aos seus habitantes, vixiando todo o que alí sucedese e prestándolles a súa protección. O 29 de setembro
―día no que a Igrexa celebra a festividade dos arcanxos Miguel, Gabriel e Rafael― do ano 493, sendo xa Lorenzo Maiorano bispo de Siponto (491-545), converteu a gruta onde san Miguel se lle aparecera coa súa espada flamíxera en lugar de peregrinación e culto ao arcanxo (Imaxe de san Miguel coa espada flamíxera no retablo maior da igrexa
parroquial de Santiago de Pontedeume).

O culto a san Miguel no cume dos montes, lembrando a súa aparición no Gargano, estendeuse por toda Europa desde o século V. Por outra banda, os celtas e algúns pobos prerromanos adoitaban construír nas cimas das máis altas montañas ―Breamo vén do celta Brigamo, que significa monte supremo ou moi elevado― monumentos relixiosos, porque alí se sentían máis preto dos deuses. Así pois, os restos etnográficos e toponímicos atopados nas Terras do Eume fanlle pensar ao conde de Quirós na moi alta probabilidade de que no cumio do Breamo, desde os tempos dos ártabros, houbese algún monumento deste tipo, substituído en 1187 polo actual templo románico dedicado a san Miguel, seguindo a tradición xa espallada pola Europa cristiá (Isidoro Millán González-Pardo: “Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz”, A Coruña, 1987, p. 117-126) (Capela de San Miguel de Breamo).

Xa que logo, estes teñen que ser son os motivos polos que os eumeses honramos a san Miguel na súa capela de Breamo con dúas romarías, o 8 de maio, data da aparición do arcanxo a Lorenzo Maiorano no monte Gargano, e o 29 de setembro, o día no que a Igrexa celebra a festividade de san Miguel e no que esa gruta se converteu en lugar de culto ao arcanxo e modelo para os demais centros europeos dedicados ao santo nos cumios dos montes (Ábsidas da capela de San Miguel de Breamo).

O 8 de maio sae en procesión na romaría de Breamo a talla de san Miguel, armado cunha espada en alto que brande na man dereita e coa que somete a un Demo negro e espido, cunha aparencia entre humana e animal, ao que lle pisa a cabeza co pé dereito e as extremidades inferiores co esquerdo. O arcanxo viste unha longa túnica verde, con
amplos pregamentos e aberta á altura das pernas, con reberetes dourados, e calza unhas botas marróns. Cobre e protexe o peito e a cabeza cunha coiraza e un casco prateados. O rostro xuvenil, cunha media melena morena, mostra serenidade e satisfacción pola súa vitoria sobre o Diaño. Dúas alas brancas semiestendidas no lombo falan da súa condición de arcanxo (Imaxes de san Miguel que se levan nas procesións de maio e setembro).

O 29 de setembro a imaxe que vai na procesión é a dun san Miguel ataviado cun vestido de tea branca e manga larga que lle cobre os xeonllos, e que brande unha cruz a xeito de lanza e estandarte, agarrada coas dúas mans, coa que somete ao Demo, representado por unha tétrica figura zoomorfa marrón, con cornos, rabo, patas dianteiras e a lingua de fóra, que arde espido nas chamas do Inferno. San Miguel, coa cabeza protexida por un casco prateado con dúas plumas brancas enriba, mostra un rostro sereno e xuvenil, calza unhas botas negras e leva ás costas dúas espléndidas alas brancas que o caracterizan como arcanxo.

Lea también

La democracia es como el aire–( José M. Otero Lastres )

José M. Otero Lastres Los expertos en política dicen que la democracia es algo mucho …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *