A Biblioteca municipalde Narón acolle o vindeiro 4 de outubro o obradoiro Aprende a facer un podcast. A edil responsable da área, Olga Ameneiro, anunciou que este luns 30 setembro, abre o prazo para poder participar nesta convocatoria, dirixida a rapaces a partir de 14 anos e tamén a público adulto.
A convocatoria desenvolverase dende as 18:00 ata as 20:15 horas e as inscricións poden realizarse dende as 9:30 do luns de xeito presencial na Biblioteca ou chamando ao número de teléfono 981 382 173.
A través desta iniciativa apóstase por compartir opinións, experiencias, entrevistas ou temas especializados, coa liberdade de expresarse e chegar a públicos de todo o mundo.
Para poder participar, tal e como avanzaron, non é precisa experiencia previa, xa que no propio obradoiro se ensinarán os pasos necesarios para poder lanzar o proxecto, dende a redacción dos contidos ata a gravación e edición.
Tamén se traballará en técnicas de locución, teatro e dobraxe para mellorar a interpretación e calidade do podcast. A lectura interpretativa, a modulación da voz, a vocalización e a locución son tamén outros dos aspectos fundamentais para poder transmitir as ideas dun xeito eficaz. Ao rematar o obradoiro todos os participantes poderán subir o seu podcast á nube.
A actividade está cofinanciada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, dentro do programa Ler conta moito.