Ferrol en Común e BNG presentan a pleno unha moción, dada a coñecer nunha rolda de prensa na mañá deste mércores, na que expresan que«Nos últimos anos o acceso á vivenda está a constituír un dos problemas esenciais das persoas en moitos barrios e cidades do noso territorio». «O acceso a un recurso de primeira necesidade é un dereito a garantir dende os poderes públicos e un piar fundamental na construción dun modelo de cidade sostible. Garantir o acceso á vivenda e a súa habitabilidade».
«En definitiva: coidar as condicións de vida da poboación e especialmente dos sectores máis vulnerables da veciñanza con maiores dificultades para facer fronte aos cambios nos prezos no mercado residencial».
«A cidade de Ferrol, e no noso caso o barrio de Canido, non son alleos a este fenómeno. Estamos a ver como nos últimos anos o parque residencial está a pasar por unha situación de “tensionamento”. «Unha situación que en especial ten que ver co prezo do alugueiro, a alza nos últimos anos. Ferrol, segundo os datos oficiais ofrecidos polo Observatorio da Vivenda de Galicia (organismo do IGVS), cumpre coas características de concello tensionado dende hai tres anos».
«Ferrol conta con 5 zonas en tensionamento, cunha máis en camiño. Se falamos do caso do barrio de Canido (que se atopa dentro desas zonas con variables que confirman o tensionamento segundo o devandito informe), e atendendo ao prezo do alugueiro, a renda de alugueiro aumentou nos últimos 5 anos en máis dun 40%. Concretamente nun 41,6%» engaden
«Isto revela que os prezos do arrendamento case duplicaron o seu custe. Unha suba que está moi por enriba do IPC acumulado para eses 5 anos, un dato relevante a ter en conta».
«O que está a producir está situación é a expulsión destas zonas da veciñanza con menores recursos e máis vulnerables e logo, nunha segunda etapa (segundo a presión residencial vaia medrando), de máis bolsas de veciños»
«Veciños desprazados cara a outras zonas periféricas con menores recursos ou peores servizos. Todo isto ligado ao claro desarraigo que produce nas persoas ser expulsado do seu entorno vital. Do seu lugar de pertenza e identidade. Do seu ámbito de interaccións e relacións sociais. Do seu barrio de toda a vida».
«O alugueiro é un dos puntos ou elementos nos que debemos fixar a ollada para construír un modelo de cidade sostible. Pero tamén é un dos elementos que advirten doutros procesos en marcha como pode ser o da chamada xentrificación. O peche do comercio tradicional, o encarecemento da vivenda, a expulsión da veciñanza de toda a vida…son aspectos que xa se poden ver no barrio de Canido».
Dende a Asociación Veciñal de Canido, e a ASC Muíño do Vento «observamos con preocupación estes procesos, especialmente no que ten que ver coa desaparición paulatina do comercio de proximidade (observada de xeito importante nos últimos meses), así como a alza dos prezos do alugueiro. E por iso que dende o noso barrio, e dende o seu tecido veciñal queremos poñer de relevo o que está a acontecer, en especial o dereito no acceso á vivenda da nosa veciñanza».
«Un dos instrumentos que está da man dos poderes públicos é a declaración de zona tensionada (da cidade e no noso caso do barrio). Un instrumento necesario no caso de Ferrol xa que cumpre alo menos un dos dous criterios establecidos na lei 12/2023 polo dereito á vivenda segundo os datos estatísticos e informes oficiais ofrecidos polo Observatorio da Vivenda de Galicia».
O devandito criterio fai referencia a “que o prezo de compra o aluguer da vivenda teña experimentado nos cinco anos anteriores á declaración como área de mercado de vivenda tensionado, unha porcentaxe de crecemento acumulado de alo menos tres puntos porcentuais superior á porcentaxe de crecemento acumulado do índice de prezos de consumo da comunidade autónoma correspondente”
«A declaración de zona tensionada permitiría aliviar en parte a presión residencial no que ten que ver co aluguer e regulamentar e establecer medidas que permitan favorecer a garantir ese dereito e accesibilidade á vivenda na cidade e no noso barrio».
Entre as medidas concretas que leva consigo a devandita declaración «teríamos a regulación dos prezos do aluguer, incentivos para o incremento da oferta de vivenda en alugueiro coa vivenda accesible, medidas de protección contra os desafiuzamentos, prohibición da mudanza de cualificación da vivenda pública, limitación de renda dos novos alugueres, beneficios fiscais e diminución do IRPF para arrendadores, entre outras».
Propostas ao pleno municipal
«E por iso que propoñemos para a súa consideración no Pleno do Concello de Ferrol as seguintes propostas»:
«Realizar un estudo preparatorio de obtención de información relacionada coa situación do mercado residencial na zona. Incluíndo no mesmo os indicadores dos prezos do alugueiro e venda de diferentes tipos de vivenda e a súa evolución no tempo».
«Establecer un plan de medidas de choque para paliar as consecuencias sobre a veciñanza do tensionamento do zona residencial».
«A elaboración dunha memoria que xustifique, a través de datos obxectivos e fundamentada na existencia dun especial risco de abastecemento insuficiente de vivenda para a poboación residente, incluíndo as dinámicas de formación de novos fogares, en condicións que fagan accesible a vivenda».
«Proceder a solicitude da declaración de zona tensionada, se corresponde tendo en conta os resultados do estudo».