O Ciclo Mestre Mateo abre en Cedeira o seu calendario de proxeccións na provincia

O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá este venres ás 21.00 horas o pase da película “Fatum”, protagonizada por Luís Tosar, con entrada de balde.

Auditorio Municipal de Cedeira

Cedeira recibe por segundo ano consecutivo as proxeccións do Ciclo Mestre Mateo, o programa co que a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación da Coruña levan por toda Galicia, e este ano tamén ás comunidades galegas no exterior, as películas finalistas dos premios do cine feito na nosa lingua.

O Auditorio Municipal da localidade vai acoller nove sesións de aquí ata finais de novembro comezando por este venres, ás 21.00 horas, co pase de “Fatum”, dirixida por Juan Galiñares e protagonizada por Luís Tosar, con entrada de balde.

A de “Fatum” será a proxección inaugural do programa na provincia da Coruña. Trátase dun filme de acción no que Sergio, interpretado por Luís Tosar ten graves problemas co xogo. Despois de recibir un aviso sobre un suposto amaño dun partido de fútbol regresa á casa de apostas coa intención de recuperar o diñeiro perdido. Alí o seu destino cruzarase co de Pablo (a quen dá vida Álex García) un francotirador dos GEO. Os dous veranse envoltos nun atraco a unha casa de apostas, onde un disparo cambiará as súas vidas para sempre. A película foi finalista en cinco categorías nos XXII Premios Mestre Mateo: Mellor longametraxe, interpretación masculina protagonista, dirección, montaxe e vestiario.

Cedeira, xunto con Betanzos e Boiro, volven albergar este ano as proxeccións das longametraxes de ficción e documental finalistas dos Mestre Mateo, porén á lista complétase na provincia con A Laracha, Valdoviño e Vimianzo, que acollerán as proxeccións por vez primeira. O calendario do Ciclo Mestre Mateo en Cedeira abrangue as seguintes datas, sempre no Auditorio ás 21.00 horas:

-Venres 27 de setembro: “Chichi e mais eu”.
-Venres 4 de outubro: “Salta”.
-Venres 11 de outubro: “A viaxe de Lucy”.
-Venres 25 de outubro: “Emoción, vida e teatro: A nave das Marías”.
-Venres 8 de novembro: “Espazos en brando”.
-Venres 15 de novembro: pase das curtas “Antes de que se poña o sol”, “Nena”, “O Coidado”, “O neno sardiña” e “Ulises”.
-Sábado 16 de novembro: pase das curtas de animación “Illa Cordura”, “In Half”, “O monstro e a nena” e “To Bird or not to bird”.
-Venres 22 de novembro: “Matria”.
-Venres 29 de novembro: “O Corno”.

Cómpre recordar que, tamén esta fin de semana, Cedeira ten outra cita cinematográfica. O Auditorio acollerá o domingo ás 19.00 horas, o pase da curtametraxe “Balle Voyage”, unha homenaxe ao mestre do suspense Alfred Hitchcock rodada no ascensor panorámico do Monte de San Pedro, na Coruña, con escenario e música espectaculares.

Tras a proxección abrirase un coloquio cos actores protagonistas e ofreceranse tamén contidos inéditos da rodaxe. A entrada será de balde.

A axenda complétase cun novo espectáculo do ciclo “Cantos e Contos ao Solpor”, que este sábado chegará ao local da Asociación de Veciños de Régoa. Alí Sole Felloza compartirá historias recolleitas arredor da lareira e da cociña de ferro, da boda de mulleres que cociñan a lume manso; A cita será ás 20.00 horas .

Lea también

Ferrol, acoge el encuentro intergeneracional de corales de personas mayores

La concejala de Política Social e Inclusión de Ferrol, Rosa Martínez, presentó este jueves 21 …