O Concello de San Sadurniño e a Casa do Mel reeditan o seu acordo de colaboración anual

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e o presidentes da Asociación Casa do Mel, Manuel Ferreira, asinaron hai uns días o convenio de colaboración entre o Concello e a entidade para a promoción da apicultura ao longo deste 2024.

Foto Ara Bellas

O acordo reflicte o apoio ao consistorio neste ámbito, pero tamén o compromiso da asociación de manter o colmear didáctico da Cortiña e de organizar un curso gratuíto para a veciñanza de San Sadurniño (xa celebrado no mes de maio), ademais de levar a cabo outras actividades. O importe do acordo, que se traduce nunha subvención nominativa en favor da Casa do Mel, ascende a 2.000 euros.

O convenio delega na Asociación Casa do Mel o mantemento das colmeas  situadas na esquina surleste da Horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos. Segundo se recolle no texto asinado por Secundino García e Manuel Ferreira, a entidade deberá repoñer elementos deteriorados, ofrecerlles ás abellas os coidados que requiran e mesmo contratar un seguro de responsabilidade civil polos danos que puidesen causar.  As cláusulas refírense tamén á obriga de colocar trampas con atraentes para previr os ataques da Vespa velutina nigrithorax.

O acordo inclúe unha parte didáctica, vinculada á celebración dunha exposición apícola na Feira Rural e á organización do curso anual de introdución á apicultura que se desenvolveu no mes de maio e que, a diferenza de anteriores edicións, foi totalmente gratuíto para a veciñanza de San Sadurniño e persoas socias da Casa do Mel.

Por outra banda, a asociación tamén asume o compromiso de comunicarlle con dez días de adianto ao Concello e á AGFA do Eume (xestora da horta) as visitas guiadas ou outras actividades que vaia levar a cabo no colmear, coa finalidade de coordinar mellor o uso do espazo e reforzar a seguridade se se van facer labores que impliquen abrir as colmeas ou excitar as abellas.

Como cláusulas comúns a todas as subvencións nominativas outorgadas polo Concello estarían a da obriga do uso do galego en todas as actividades obxecto do convenio, a de reflectir na información e publicidade o financiamento municipal e, en relación co anterior, o requisito de empregar o logo municipal e o do Xeoparque do Cabo Ortegal en todas as comunicacións. Tamén se cita a esixencia de utilizar unha linguaxe inclusiva e non sexista e o compromiso de colaborar co Concello na promoción da igualdade e a prevención das violencias por razón de xénero.

En base ao estipulado no documento, a entidade percibirá unha axuda nominativa de 2.000 euros. Nestes días como adianto o 75%, mentres que o outro 25% se librará cara a finais de ano, cando presenten a memoria e as facturas xustificativas dos gastos, referidas en todo caso á anualidade 2024.

Lea también

Finalizan en Neda los trabajos de construcción de la nueva rotonda de Xuvia

Finalmente han concluido las obras de la rotonda de Xuvia, una intervención solicitada por el …