A Biblioteca municipal de Narón acolle este sábado 14 “Unha receita contra as burlas”, un contacontos para público infantil (a partir de 4 anos) e familiar.
A edil responsable da área, Olga Ameneiro, informou da apertura do prazo de inscrición, este martes 10 ás 9:00 horas presencialmente na Biblioteca ou chamando ao número de teléfono 981 382 173. A actividade dará comezo ás 11:00 horas e suporá retomar o programa de actividades infantís da Biblioteca.
Nerea Brey será a persoa encargada de presentar a historia de Marga, unha nena que comeza a ter problemas de visión e ten que usar lentes. Algúns compañeiros de colexio búrlanse dela o primeiro día que as leva e a historia permitirá tamén coñecer a dous xemelgos que van á mesma escola e se converten en vítimas das burlas e tamén a valorar a importancia das amizades para superar este tipo de situacións que lamentablemente se producen.
“É un contacontos pensado para sensibilizar ós nenos principalmente, sobre un grave problema, o acoso escolar, e tamén para facelos conscientes da importancia de denunciar estes casos e apoiar ás vítimas incondicionalmente, ao tempo que rexeitar firmemente ese tipo de condutas”, apuntou a concelleira.
A actividade está cofinanciada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no marco do programa Ler Conta Moito.