A cucaña eumesa no día da nosa patroa-(José Fonte Sardiña)

José Fonte Sardiña
Aínda que de xeito oficial as Festas de Setembro comezaban antigamente o día 8 e a do 7 era unha simple xornada de vésperas, a saída dos Mómaros foi gañando importancia ata converterse nun dos actos principais das festas, para min o máis entrañable. Pouco antes das doce da mañá sacan os Mómaros á praza Real e o boureo, a emoción e a
alegría rebordan nas nosas almas eumesas. Algúns dos máis pequenos queren tocalos e outros choran ao velos e son consolalos polos seus seres queridos para quitarlles o medo, que perderán en pouquiños anos, cando o seu soño será ter a honra de seren cabezudos, nin máis nin menos que os fillos, aínda que só por unhas horas, dos auténticos amos das festas (Foto de José Augusto Ríos co Mómaro rodeado de eumeses agardando a que dean as doce na praza Real).

Entre o balbordo xeral, o reloxo municipal da torre do Concello, situado enriba do mítico Cagarrón, comeza a dar as primeiras badaladas que nos indican que xa son as doce, o noso “Ñoñoroñó” arrinca a soar e a Mómara, a bailar. Sempre que imaxino ese momento, creo ver a Eduardo, na praza Real do Ceo eumés, fumando un puro co meu pai e botándose a danzar coa primeira nota dos gaiteiros, mesmo antes de que Jesús se poña a bailar coa Mómara. Haiche cousas que nunca cambian (O bico dos Mómaros na praza Real).

O día da patroa, a Nosa Señora das Peras, á que Manuel Murguía lle fixera no ano 1915 unha fermosa pregaria en castelán publicada no número 291 do xornal “Ecos do Eume” ―esta foi a miña tradución á nosa lingua: “Virxe das Virtudes, Ti, ante quen tantas almas aflixidas se prostraron pedíndoche auxilio nas amargas horas da súa vida, ten piedade, Señora, dos que nos momentos da súa dor che pregan acollas piadosísima os feridos polo infortunio, polo desamparo dos seus irmáns, polas penas que amargan os días da soidade que sobre eles pesan, polos que procuran no mel dos teus labios as palabras de perdón que precisan para poder aturar as ocultas penas que os agonían, polos pobres de espírito aos que todo fire e nada consola, por aqueles que viven no frío afastamento do mundo e, sobre todo, polo que, atormentado polo peso das súas culpas e a necesidade do celestial perdón, a Ti se dirixe contrito e pide, coas angustiosas ansias do pecador, que o leves collido da man onda o trono do Señor que todo o coñece e perdoa”―, celébrase a cucaña marítima na ribeira despois da misa e a procesión (Foto de Aurora Lapique da Virxe das Virtudes na súa capela de Pontedeume).

A cucaña é unha antiga tradición da vila mariñá de Pontedeume que xa se celebraba en 1881 o 8 de setembro, como pode verse no programa das festas daquel ano, e consiste en subir, os rapaces e os que non o son tanto, e agora tamén as rapazas, por un pau cheo de sebo chantado nunha embarcación para coller a bandeira ―antes de España, agora de Galicia e algunha vez a de Pontedeume― que se atopa cravada na súa punta (Programa das Festas de 1881 e foto dunha cucaña do primeiro terzo do século XX).

Nun dos barcos pesqueiros fondeado nun lugar pretiño da ponte de pedra onde hai bastante calado ―nos meus tempos nenos utilizábase a chupona―, colócanse os participantes e, na súa popa, sitúase o pau que mide uns catro ou cinco metros. A ponte e a ribeira están ateigadas de xente e moitos barcos cheos tamén de eumeses e algún
forasteiro rodean a embarcación que ten o madeiro (Barcos na cucaña).

Hai que coller a bandeira que está na punta do pau e, cando un dos participantes, despois de moitas caídas espectaculares ao mar dos antecesores e algunha que outra costelada, o logra, os organizadores botan unha bomba e os gaiteiros tocan unha muiñeira. Os Mómaros, desde a primeira rampla, presiden a cerimonia. A xente berra “Sebo ao pau” e os organizadores deben obedecer. A primeira bandeira é a que ten un premio maior e a terceira e última, o menor (Os Mómaros na cucaña).

Pablo Fuentes, varios descendentes de Miguel López o da libraría, Pablo Delgado, o meu querido antigo alumno en Lingua e Historia ―que non na arte de coller a bandeira subindo polo pau cheo de sebo na que el é o auténtico mestre―, Chuspi Veiga, bo amigo da infancia e compañeiro no Eume Deportivo, Paco o Chona, o meu prezado
parente Zalo Villar, seu fillo e herdeiro Carlos ou o seu inesquecible sobriño Fran, moi querido por min e por tantos eumeses que o lembramos sempre e especialmente nesta festa na que era decote protagonista, son algúns dos máis grandes cucañeiros que eu recordo, e non podo deixar de citar tamén ao mítico Lepempe, ao que nunca cheguei a
ver pero do que sempre me falaba meu pai (Chuspi Veiga collendo a bandeira).

Nas pasadas festas, Noa Díaz, con só catorce anos, fixo historia na vila ao ser a primeira muller en coller a bandeira na cucaña eumesa (Noa Díaz coa bandeira na ponte de pedra).

Cando se atrapa a terceira bandeira, despois de botar a bomba que o anuncia e de soar a muiñeira preceptiva, estoupa unha gran traca e comeza a queima do galán, que é un moneco que vai montado nun caiuco e voga a remos pares con todas as súas forzas para que a embarcación dea voltas, e todo remata cando lle rebenta a cabeza que salta polos aires e cae ao chan (Foto do Galán de Lola Fornos Ríos).

Manolo Molares, baixo o pseudónimo de Manuel de Vilar, nun interesante artigo que eu traducín á nosa lingua, pensa que esta “autoinmolación do mariñeiro se converte nun acto de agradecemento, submisión e respecto […]. O galán vira sobre si mesmo e rema frenético, malia que sen rumbo […], desorientado, porque os humanos imos decote sen saber a onde nos diriximos, na procura da nosa fortuna” (Manuel de Vilar: ‘Los cuatro elementos agradecen las fiestas’, en “Libro das Festas das Peras 95”, Pontedeume, 1995, p. 70). Así e todo, eu coido que pode ser unha especie de sacrificio ao mar pedindo protección e prosperidade a cambio de traballo e esforzo, simbolizados no remar do mariñeiro ata quedar sen folgos, pero isto é unha especulación miña (A Mómara volvendo da cucaña).

Unha vez que todo finaliza, os Mómaros regresan bailando cara á praza Real, que cómpre tomar o último viño antes de ir xantar o día da patroa.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …