As persoas que desexen degustar algunha das racións de porco ao espeto na feira de exaltación que se celebrará este sábado 24, en Pedroso dispoñen aínda dalgúns tickets á venda. O Concello organiza coa Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña este evento gastronómico, que inclúe unha ampla programación que se iniciará ao mediodía.
Unha sesión vermú cunha actuación musical marcará o inicio da celebración, na que se poderán degustar uns petiscos de balde. Pola tarde haberá tamén actividades, con propostas de animación infantil dende as 18:00 horas na pista polideportiva e, xa pola noite, ás 21:00 horas, comezarán a servirse as racións de porco ao espeto, ao rematar o traballo do cociñado que iniciarán o propio sábado ás 9:00 horas de xeito tradicional veciños da parroquia.
Chegada a noite haberá outra actuación musical para amenizar o evento. Os tickets están á venda na cantina da Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña, debendo abonar polos mesmos 20 euros as persoas que non son socios da entidade; 15 os socios; 10 euros os menores de 10 a 17 anos e podendo degustalo de balde os menores de 10 anos. No prezo inclúese a degustación de porco ao espeto, churrasco, chourizos, pan, cachelos, bebida, sobremesa e café.
Os comensais estarán baixo unha carpa con cadeiras que se instalará para a ocasión na pista polideportiva de Pedroso.