O Jazz de Ría pecha esta tarde a súa oitava edición asomado aos balcóns do Atlántico

A voz electrizante de Leticia Rey sobre o escenario natural da praia do Baleo porá o punto e final a unha nova travesía de cinco días de jazz na costa ártabra.

O festival pecha esta tarde a súa oitava edición replicando a espectacular fórmula que o ano pasado levara a Valdoviño por primeira vez: un fantástico programa pensado para camiñar o territorio gozando da música e das lendas, totalmente pensado e integrado nos impresionantes escenarios naturais deste tramo final do Atlántico galego, que será unha vez máis o cabeza de cartel. 
 
A programación desta última xornada comezará ás sete da tarde co roteiro ‘Balcóns ao Atlántico’ que percorrerá o tramo de costa comprendido entre praia de Pantín e a do Baleo con dúas paradas: a primeira será unha intervención musical do xoven e brillante saxofonista coruñés Lois Rivera, e a segunda estará protagonizada polas lendas que contará o escritor Antón Cortizas. 
 
O roteiro finalizará na Praia do Baleo onde sobre as 21:00 se celebrá o concerto de Leticia Rey, que despregará sobre o lenzo da costa de Valdoviño a súa proposta luminosa e mística, a camiño entre o mundo dos soños e o mundo que chamamos real, con melodías inspiradoras e moi persoais que conectan co sentir máis profundo do público. O seu primeiro disco de longa duración, “LuX”, achega as sonoridades do jazz ás do indie folk, creando un espazo no que consigue poñer en primeiro plano a súa delicadísima voz. No escenario do Baleo, estará acompañada nos teclados por Iago Mourinho, pianista habitual dos proxectos máis interesantes do jazz galego.
 
Loxística para participar no roteiro
A participación é aberta e gratuita. O punto de encontro será a caseta de socorrismo da praia de Pantín e a actividade terá unha duración aproximada de unha hora. A ruta non é circular. A volta a pé desde Baleo a Pantín pola pista é de aproximadamente 15 minutos. O roteiro é moi sinxelo, pero polas características do camiño, non está recomendado para persoas con mobilidade reducida. Tampouco para carriños de bebé, no caso de acudir com crianzas que non camiñen, o festival recomenda portear.
 
O Jazz de Ría continúa fiel ao seu obxectivo de converter a costa ártabra nun territorio de referencia dentro do mapa dos festivais de jazz, cunha proposta na que se funden música e identidade, desde os principios da sostibilidade e a responsabilidade coa contorna natural e social.
 

Lea también

Exponav acoge una conferencia magistral sobre la influencia de Álvaro de Bazán en la construcción naval del siglo XVI

    El museo de la Construcción Naval de Ferrol (EXPONAV) será escenario hoy miércoles …