O Concello de Narón destinará preto de 345.000 euros a tres actuacións que permitirán mellorar o estado de viais da zona urbana e rural e tamén ampliar a rede de abastecemento e saneamento no núcleo rural.
Así o anunciou a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, que destacou que se trata “de actuacións moi necesarias que están actualmente en proceso de licitación co fin de poder iniciar os traballos correspondentes a tres proxectos á maior brevidade posible”.
Unha das intervencións consistirá na instalación de tubarías para a implantación dos servizos de saneamento e abastecemento no vial de acceso ao convento de Baltar dende a AC-116 (estrada dende Valdoviño a Ferrol, pasando por Narón).
Os traballos están en licitación por un importe de 164.064 euros (podendo presentar ofertas as empresas ata o día 29 deste mes) e permitirán dotar destes servizos ás vivendas ubicadas nas inmediacións do vial de acceso ao convento de Baltar, en ámbito de solo de núcleo rural.
No caso do servizo de saneamento de augas residuais inclúese a maiores da condución, os puntos necesarios para o seu rexistro a distancias nunca superiores a 60 metros constituídos por pozos de formigón prefabricados, tal e como consta no proxecto.
Así mesmo, no que respecta á rede de abastecemento partirase do extremo da rede municipal existente na marxe esquerda da AC-116 e desenvolveranse sendas tubarías co mesmo ámbito que os colectores do saneamento.
Outra das intervencións actualmente en proceso de licitación (con prazo de presentación de ofertas ata o día 30 deste mes) é o acondicionamento de beirarrúas e aparcamento na avenida do Mar, unha actuación enmarcada no plan para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais de Galicia, impulsado dende a administración autonómica.
Os traballos proxectados orzamentáronse en 106.025 euros e permitirán mellorar a seguridade e accesibilidade dos peóns e, ao mesmo tempo, o espazo para o aparcamento de vehículos lixeiros no tramo comprendido entre a rotonda da rúa do Pavillón cara a Lóngaras, na marxe dereita.
A actuación inclúe ademais a adaptación de pluviais, a recolocación da iluminación e a reparación da rodadura do vial transversal final do polígono da Gándara.
A terceira das actuacións é o reforzo da rodadura nos camiños do Pazo e da Portela, nas parroquias de Sedes e Pedroso, respectivamente. Os traballos forman parte do plan de mellora de camiños municipais 2024-2025 de acceso a parcelas agrícolas –cofinanciadas por Agader- e están en fase de licitación (con recollida de ofertas de empresas ata o 2 de setembro) por un importe de 74.705 euros. A mellora dos servizos básicos da zona rural e das condicións de seguridade, accesibilidade e cohesión rural están entre os obxectivos desta intervención.
Os traballos consistirán na repavimentación, bacheo, reforzo de rodadura e limpeza de cunetas, destes dous viais, froito no seu día da concentración parcelaria e que dan acceso a parcelas agrícolas de Sedes e Pedroso.
“Con cargo a actuacións como as contempladas nestes tres proxectos seguimos avanzando na mellora de viais tanto do núcleo urbano como rural e tamén na implantación de servizos tan importantes como o saneamento e abastecemento na zona rural” destacou Ferreiro.