O Xeoparque Cabo Ortegal prosegue co seu calendario de rutas que nos permiten descubrir a riqueza xeolóxica, natural e patrimonial do territorio UNESCO.
Son 16 itinerarios distintos pola costa e o interior que finalizarán o próximo 15 de setembro e que, no caso de San Sadurniño, ofrecen a denominada “Xeorruta das Pías” que nos leva primeiro ao castelo de Naraío e á fervenza de Riolimpo para logo subir até o Forgoselo.
A última oportunidade de facer esta xeorruta coas explicacións do xeólogo Fran Canosa é este mércores 21 de agosto a partir das 10:00 horas. Hai que anotarse a través deste formulario en liña. O prezo son 10€ por persoa e no momento de preparar esta información quedaban libres 10 prazas.
A Xeorruta das Pías comeza no castelo de Naraío para facer unha pequena introdución sobre as eras da Terra e os fenómenos que se produciron, e aínda se producen- nos últimos 4.500 millóns de anos. Despois desa primeira parada baixarase até a contorna da central eléctrica e a fervenza do Castro e, como última estación, subirase en coche a Racamonde, o punto máis elevado do concello, que se caracteriza por unha curiosa e espectacular paisaxe.
A primeira metade da ruta transcorre no límite máis ao norte do Forgoselo, unha grande burbulla magmática que arrefriou hai millóns de anos e cuxa fronteira sur son os canóns do Eume. Se miramos unha foto satelital LIDAR, feita con tecnoloxía láser que só mostra o chan, sen vexetación, veremos que ao inmenso bloque granítico lle rompeu un anaco xusto en Naraío e que os miles e miles de toneladas de pedra varridas con ese corremento quedaron amoreadas a tan só uns metros do lugar desde o que se desprenderon.
Sobre o monte de entullos e penedos de maior tamaño foi onde se construíu o castelo de Naraío, e pola fenda escarpada que quedou no medio, entre o castelo e a parede matriz case vertical do Saíme, é por onde se encaixonou o río Castro, formando as espectaculares fervenzas que hoxe visitan centos de turistas.
Ademais de coñecer da man de Fran Canosa as razóns de que a paisaxe quedase configurada así nesta zona, quen acuda á ruta tamén verá as distintas fases da formación dos bolos -grandes rochas que aparecen na paisaxe, ás veces unhas dacabalo doutras- e tamén das pías, que son buratos resultado da erosión, nuns casos polo de desbaste producido por pequenas rochas cautivas en ocos, como ocorre na zona de Riolimpo, e noutros pola acción físico-química da auga da chuvia, algo que se verá claramente nas penas do Forgoselo na segunda parte do traxecto.
A andaina é de dificultade media-baixa, apta para calquera idade e moi indicada para facela na compaña de rapazada polo seu contido didáctico, xa que nela tamén se ofrece unha visión das orixes xeolóxicas da zona en relación con outros puntos do Xeoparque do Cabo Ortegal que se divisan desde o mirador de Racamonde, última parada do itinerario.
O percorrido das Pías poderá facerse na mañá deste mércores 21 de agosto, con inicio ás 10:00 horas e remate previsto sobre as 14:00 horas . Igual que o ano pasado, a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal habilitou na súa web unha central de reservas en liña, única maneira de gardar sitio para participar nesta actividade que está a piques de completar as 20 prazas ofertadas. O prezo, incluído seguro, son 10 euros por persoa.
Na web tamén se poden consultar as outras 15 xeorrutas que se van desenvolver até o 15 de setembro por todo o ámbito do Xeoparque Mundial da UNESCO.