O próximo fin de semana celebrarase a primeira edición da proposta ‘Pontedeume, Vila do Libro’

O Concello acolleu a presentación da iniciativa que propón actividades culturais vencelladas á literatura.

O Concello de Pontedeume acolleu esta semana a presentación do festival literario ‘Pontedeume, Vila do Libro’. O evento celébrase esta próxima fin de semana na vila, os días 23, 24 e 25 de agosto.

A iniciativa, herdeira do exitoso proxecto catalá Vila del Llibre, baséase nun festival literario que se celebra nunha vila concreta durante unha fin de semana. Pontedeume foi elixida como a primeira vila galega en acoller esta iniciativa, que busca consolidarse no panorama rexional.

A concelleira de Cultura de Pontedeume, Alejandra Bellón, facía fincapé na singularidade deste festival, que crea “novas experiencias de vivir a literatura”. A cita busca fomentar a partir da literatura un amplo programa cultural, que conxuga concertos, obradoiros e charlas, entre outras actividades.

O amplo programa de ‘Pontedeume, Vila do Libro’ cubre por tanto opcións para todos os públicos e gustos. O promotor da iniciativa, Enric Bono, deu conta das liñas xerais do programa, que inclúe dende a cultura do freestyle, coa colaboración de Gallos del Norte, ata as novas xeracións en poesía, así como das consolidadas, como Eva Veiga, ou a participación dos escritores Suso de Toro ou Xavier Alcalá, entre outros.

Entre as distintas actividades, inclúense encontros con autores, debates, espectáculos literarios, música, contacontos, exposicións, obradoiros e mercado de editoriais. Neste sentido, Enric Bono destacou a forza da iniciativa en fomentar os oficios que rodean o libro, como o tecido editorial.

O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro, pechou a presentación sinalando o papel central da vila como a primeira en acoller esta iniciativa de recoñecido éxito na súa versión catalá. “Haberá música, charlas e outros eventosculturais, que, co fío condutor da literatura, fan que se activen todos os sectores culturais”, engadiu o alcalde.

Lea también

O Pazo de Mariñán acolle unha nova edición das xornadas ‘A cultura é un dereito’

O Pazo de Mariñán acolle este venres 22 unha nova edición das xornadas de “A …