As actuacións celebraranse na Porta do Sol, este lúns 19 a partir das 21:30 horas.
O programa municipal Contares Culturais nas Festas de Verán arrancará este luns da mellor forma posible, cos espectaculares concertos do grupo folc Encrucillada e de Xurxo Fernándes e as Pandereteiras Sen Fronteiros (PAN.SEN.FRON), que presentarán ao público «Levaino!», un repertorio en forma de paisaxes sonoras que comezan no Mediterráneo Oriental e rematan en Galicia. Arrancan ás 21:30 horas na Porta do Sol, nunha cita que conta co apoio da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
En «Levaino!», Xurxo Fernandes aporta unha visión única sobre as músicas de raíz e de creación colectiva, na que os sons máis arcaicos dunha Galicia primitiva mistúranse co exotismo das terras do Mediterráneo Oriental. Trátase dunha proposta exquisita, dotada dunha sonoridade peculiar e repleta de virtuosidade que Xurxo completa cunha voz cálida, potente e chea de matices e expresividade. A tradición oral galega, acompañada dun instrumento representativo desta como é a pandeireta, é a base e punto de encontro das creacións sonoras que se nutren doutras tradicións grazas a uns arranxos singulares e unha instrumentación moderna que se introduce de maneira orgánica.
O álbum contén 12 temas recollidos polo propio artista en territorios tan diversos como son Coristanco, Samakov, A Mezquita, Salihli, Tordoia, Larache o Tel Aviv. Así, Levaino! percorre unha ducia de paisaxes sonoras pouco coñecidos, que comezan no Mediterráneo Oriental e acaban en Galicia, que explicitan e manifestan os vínculos existentes entre as culturas e tradicións orais. Sonoridades que, se cabe, resultan moito máis próximas do que parece nun principio.
Xurxo Fernandes rodéase dunha banda que leva ao público para participar nunha suxestiva viaxe entre Galicia e o mundo oriental. Da man de Pedro Lamas (gaita, dulzaina e saxo), Rubén Montes (percusións), Rafa Morais (baixo eléctrico) e Roberto Comesaña (teclado), Fernandes propón un universo sonoro vibrante que se nutre da enerxía e das voces das tocadoras e “cantareiras” de Pandeireteiras Sen Fronteiros (PAN.SEN.FRON).
Pola súa banda, Encrucillada compartirá co público os temas do seu último traballo discográfico, «De Volta!», co que regresan ás súas orixes poñendo o foco na música para o baile e as foliadas, alternando a voz masculina e feminina, e complementándose estas cos sons máis tradicionais. Un grupo que gusta, e moito, en Valdoviño, valor seguro na programación cultural.
Un cuarteto tradicional que percorría Ferrolterra nas alboradas das festas, do que hoxe en día quedan Antonio López Lago e os irmáns Alberto e Óscar Maceiras de Fene, foi o xerme deste grupo de música folc tradicional ao que se sumaría Javier Rodríguez Castro co acordeón desde San Sadurniño. Posteriormente, e tras distintos cambios na formación, Elena Díaz desde Neda entraría coa percusión e a voz no ano 2019, e no 2023 sumaríase a voz de Xoán Padín desde Ferrol.
Cada quen, co seu estilo e experiencia particular, compleméntanse agora neste grupo onde diferentes sons (gaitas, acordeón, saxo, ocarina, zanfona, percusións tradicionais… etc.) e as voces de Elena e Xoán imprímenlles o seu estilo persoal a pezas de música galega populares e tradicionais.