Fene convértese na capital da arte urbana co Perla Mural Fest

O Concello de Fene está a celebrar esta semana a segunda edición do Perla Mural Fest, un festival de arte urbana que está a transformar o concello nun auténtico museo ao aire libre.

Esta nova edición contará coa participación de destacados muralistas internacionais, como o madrileño Sfhir, a napolitana Leticia Mandragora e o chileno Cristóbal Persona. Cabe lembrar que o mural da violonchelista que Sfhir pintou en Fene na pasada edición foi recoñecido como o Mellor Mural do Mundo, un fito que reforza a importancia deste evento no panorama artístico global.

A programación do Perla Mural Fest incluirá unha ampla oferta cultural, que terá lugar na pista do CCRD Perlío, con concertos que se celebrarán ao longo do venres  e o sábado 17. Entre os artistas convidados o venres estarán Virginia Red (21.30h), Ricky Hombre Libre (22.45h), Manoulious Dop (00.00h), Recambios Tucho (01.30h) e DJR4tibrón (03.00h). O sábado será a quenda de Tonhito de Poi (21.30h), Rubén Pozo (23.15h), Biela (00.45h), Galician Army (02.00h), pechando de novo DJR4tibrón (03.30h).

O festival tamén ofrecerá sesións vermú durante a fin de semana, con actuacións de Los Hombres de Diego (12.30 horas) e Badulaque (14.00 horas ) o sábado, e Sintrom (13.30 horas ) o domingo.

Gran Mercado Hippie

Paralelamente ao Perla Mural Fest celebrarase o Gran Mercado Hippie, que contará con máis de sesenta postos de temática hippie e aportará un ambiente único ao evento. O público poderá gozar de animación itinerante, xogos de malabares, efectos de maxia, accións de clown, e unha zona infantil con minixogos, ademais de caricaturas e atraccións ecolóxicas como un carrusel e unha noria.

Colaboración do Concello de Fene

O Concello de Fene colabora estreitamente coa organización do Perla Mural Fest, co obxectivo de seguir impulsando a proxección cultural e turística do municipio. A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Ángeles Coira, supervisou os preparativos para o festival, sinalando a importancia deste tipo de iniciativas para dinamizar a economía local e promover o turismo.

«O Perla Mural Fest sitúa a Fene no mapa dos grandes eventos culturais, atraendo visitantes e artistas de todo o mundo. Este festival é unha mostra do noso compromiso co fomento da cultura e a creatividade, elementos clave para o desenvolvemento económico e social do noso concello», afirmou a concelleira.

“A segunda edición do Perla Mural Fest promete ser un éxito rotundo, consolidándose como unha cita imprescindible para os amantes da arte urbana e a música en directo”, concluíu Coira.

Desde o Concello de Fene destacouse tamén a colaboración do persoal da área de Servizos, cuxo esforzo e dedicación serán fundamentais esta fin de semana, dado que coinciden varios eventos importantes no concello, como a Festa da Orella e o propio Perla Mural Fest.

“O traballo do persoal de servizos garante que tanto a veciñanza como as visitantes poidan gozar de todas as actividades previstas en condicións ópticas”, destacou a responsábel da área, Sandra Permuy, quen agradeceu de maneira especial o seu compromiso e profesionalidade.

Lea también

Fene reafírmase no 25N: feminismo en acción contra a violencia machista

O Concello de Fene reafirma o seu compromiso coa igualdade e a loita contra a …