O Concello elabora un tríptico do Camiño Inglés para impulsar “Narón 100”

A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, presentou este venres 9 unha proposta que impulsará o Concello de Narón coa finalidade de “continuar avanzando no proxecto de recuperación e posta en valor do noso patrimonio e recursos naturais para acadar un produto turístico propio, atractivo e identificativo que forme parte do noso xeodestino”.

Nesa liña de traballo, segundo explicou, elaborouse un tríptico do Camiño Inglés ao seu paso por Narón, con recursos turísticos da cidade e co fin de impulsar o produto turístico “Narón 100”.

En canto ao tríptico do Camiño Inglés ao seu paso por Narón, Hermida indicou que se realizou co obxectivo de aunar os recursos turísticos do concello, concretamente os localizados no tramo da citada ruta de peregrinación, co fin de identificalos e ofrecer ás persoas que percorren o tramo información sobre os atractivos e tamén servizos que queden preto do Camiño Inglés.

A maiores, creouse o produto turístico “Narón 100”, co fin de promocionar o quilómetro 100 (sinalizado cun hito de pedra ubicado no paseo de Xuvia), o punto exacto dende o que se percorren os 100 quilómetros cara a Compostela, o un área singular, de encontro, para posicionar a Narón nos diferentes foros do Camiño Inglés”, explicou a concelleira.

Esta iniciativa, tal e como indicou, “permitiranos ademais acadar un retorno económico importante para a cidade, que revertirá no sector hostaleiro, nos comercios…”. A edil naronesa tamén avanzou que o Concello elaborou un cruño coa marca “Narón 100”, a modo de marca identificativa propia da cidade, para selar as credenciais dos peregrinos que van cara a Compostela.

Hermida destacou o feito de que “dende o goberno local levamos moitos anos traballando nesta liña, promocionando os recursos turísticos locais e recuperando o noso patrimonio”.

Ao respecto a concelleira citou a recente rehabilitación e musealización do muíño de Xuvia, que ofrecerá a venda de credenciais e o selado das mesmas; a promoción do Camiño Inglés colocando letras identificativas da ruta no paseo marítimo de Xuvia e, máis recentemente, a “Tarta de Narón”, sobremesa característica da localidade.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …