San Sadurniño desvela o programa completo da XV Feira Rural

A Feira Rural de San Sadurniño chega neste 2024 á súa 15ª edición como cita máis que consolidada no calendario feiral da comarca e mantendo intacto o seu obxectivo de reivindicar o potencial produtivo e económico das zonas rurais desde a óptica da sostenibilidade.

Por iso, o sábado 31 de agosto, na leira da Cortiña, poderase atopar unha grande variedade de produto fresco e elaborado, maquinaria, flor e planta, artesanía e artigos de segunda man. Ademais tamén haberá obradoiros, degustacións, sorteos, música, baixadas en kaiak polo Xubia e o xa tradicional concurso con premios para os mellores lotes de froita autóctona.

Na feira combínanse case a partes iguais o comercio de proximidade e as actividades orientadas ao lecer, coa finalidade de que a xente de dentro e fóra de San Sadurniño pase un día agradable á beira do Xubia ao tempo que merca produto da máxima calidade.

Así, para a cativería hai preparados dous obradoiros relacionados coa creación e a igualdade, ademais de poder gozaren dos descensos en kaiak polo Xubia (tamén para persoas adultas). Tamén para todas as idades están programados xogos tradicionais e as actuacións musicais de Oli Xiráldez e Gustavo Couto, co espectáculo «O cego na feira», e dos Campantes da Baña, quen repasarán durante a tarde o seu repertorio.

De novo poderase visitar a horta de froiteiras, con explicación de enxertados e podas, e o colmear didáctico. Completan a oferta da xornada as degustacións de froita e produtos da Fusquenlla, os sorteos e a exposición/concurso monográfico da Raza Can de Palleiro, da que en breve se publicará toda a información no enlace web do club.

Na feira poderase xantar a prezos populares, aínda que tamén é boa opción traer a merenda para comer á sombra do paseo fluvial ou ben reservar en calquera dos restaurantes locais.

Reserva de postos e concurso de froita

Os expositores que queiran participar na XV Feira Rural teñen até o 23 de agosto para presentar as súas solicitudes, indicando os metros que precisan para asentar os seus postos. Teñen que cubrir o enlace formulario normalizado e rexistralo presencialmente no Concello, en horario de mañá de luns a venres, ou ben pola Sede Electrónica (adxuntando a folla a unha solicitude xenérica). Tamén se pode mandar por correo postal ao enderezo “Concello de San Sadurniño. Lugar do Casal 16, 15560, San Sadurniño, A Coruña”.

O listado de asistentes publicarase o día 26 e o día do evento é obrigatorio presentar o resgardo de pagamento co enlace da  taxa correspondente.

Por outra banda, durante a mañá da feira tamén se desenvolverá o concurso da froita autóctona. As inscricións neste caso hai que facelas o mesmo día, no momento de presentar os lotes para a exposición. O enlace das bases poden descargarse desde esta ligazón.

Todas as persoas participantes no concurso levarán como agasallo unha froiteira do país e os tres mellores lotes  recibirán como premio cadanseu vale de 100 euros canxeable nun establecemento local. Eses tres cestos ganadores quedarán en poder da organización para ser sorteados entre o público antes da clausura da feira.

A XV Feira Rural de San Sadurniño está organizada polo Concello a través das áreas de Desenvolvemento local, Participación veciñal e Cultura. Nela colaboran a AGFA do Eume e a Asociación Casa do Mel. A actividade conta con financiamento da Deputación da Coruña.

Programa da XV Feira rural de San Sadurniño
31 de agosto de 2024, Leira da Cortiña (Google Maps

10:00h Apertura da feira e exposicións: agroalimentación, artesanía, viveiros, maquinaria e 2ª man. As solicitudes deberán presentarse no Concello ou na Sede Electrónica municipal antes das 14:00h do 23 de agosto. Enlaces Descarga da folla de solicitude e normas de participación e enlace da folla da autoliquidación da taxa.

De 10:30 a 13:30 horas  Concurso da Froita Autóctona:

Inscricións de lotes de froita para concurso de 10:30 a 11:30h na carpa principal. Agasallo dunha froiteira  do país só por participar. Enlace Descarga das bases do concurso. Os premios consistirán en tres vales de 100€ canxeables en establecementos locais.

11:00h a 12:30h Cata-degustación de froita autóctona 

11:30h Visita guiada á Horta de froiteiras autóctonas “Carlos Fornos” con obradoiro de enxertado.

11:30h Baixadas en kaiak polo Xubia

12:00h O Cego na Feira. Cantares e romances con Oli Xiráldez e Gustavo Couto

12:30h Visita guiada ao Colmear didáctico

12:45h Obradoiro infantil de Igualdade 

14:00h Entrega de premios do concurso de froita autóctona

14:15h Sorteo de lotes de produto de proximidade  valorados en 40 euros. Os boletos entregaranse con cada compra e haberá que depositalos na urna que estará situada no expositor do Concello.

Pola Tarde:

16:30h XXVIII Concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro (máis información no enlace www.clubcandepalleiro.com)

16:30h Baixadas en kaiak polo Xubia

16:30h a 19:30h Xogos tradicionais

17:00h Actuación dos Campantes da Baña (música tradicional)

17:15h a 18:45h  Cata-degustación de froita autóctona

17:30h Visita guiada á Horta de froiteiras autóctonas “Carlos Fornos” con obradoiro de poda de verán

18:30h Visita guiada ao Colmear didáctico

19:00h Obradoiro infantil de Igualdade 

19:45h Segundo sorteo de lotes de froita e de produto de proximidade valorados en 40 euros. Os boletos entregaranse con cada compra e haberá que depositalos na urna que estará situada no expositor do Concello.

As 20:15 horas Clausura da XV Feira Rural.

Exposicións e actividades paralelas durante toda a xornada:

-Froita autóctona da AGFA do Eume.

-Apicultura da Asociación Casa do Mel de Goente.

-Raza Can de Palleiro.

No Expositor do Concello a Información xeral sobre a feira, xunto con información turística: rutas, que ver, proxecto Terra de Vida e Xeoparque do Cabo Ortegal. O expositor tamén é o lugar de inscrición para as baixadas en kaiak, as visitas guiadas e os obradoiros infantís.

 

Lea también

Un taxista logra salvarse, a nado, tras precipitarse su coche al mar en As Pías, Fene

Sobre las doce y veinticinco de este jueves, día 21, saltaron todas las alarmas al …