Actividades e xogos na Semana Infantil de Cedeira

Despois desta fin de semana ateigada de festas e actividades, o Concello de Cedeira puxo en marcha ata o xoves 8 a Semana Infantil, unha proposta que forma parte xa do habitual calendario estival na localidade.

O programa está pensado para nenos de ata 14 anos, con punto de encontro cada día ás 11.00 horas na praza Roxa. Os “xogos atléticos” abriron o calendario o luns cunha moi destacable participación. Así, a cativería participou en carreiras de velocidade, de remudas, de resistencia…

Para o martes teñen as “carreiras do humor”, coa culler e un ovo, de sacos, etc. O mércores serán os “xogos dos avós”, que entre outras propostas abranguerá o xogo das cadeiras ou o tres en raia. E para rematar, o xoves, os nenos e nenas irán á praia da Madalena a facer castelos na area.

Ao longo desta semana sucederanse as rutas guiadas, por exemplo a “dos Tesouros” que sairá mañá desde a Oficina de Turismo, ou a circular de oito quilómetros que irá o mércores pola Garita de Herbeira. A Oficina de Turismo facilita información sobre estas actividades.

O Centro de Ocio Xuvenil, pola súa banda, pecha esta semana o seu programa de actividades de verán con dúas propostas. O xoves 7 desenvolverase un taller de maquillaxe e autocoidado, ás 12.00 horas, para rapaces e rapazas de 12 a 18 anos.

Ao día seguinte haberá outro de “pintacaras”, de 16.30 a 20.30h. As persoas interesadas poden inscribirse por mail, na dirección coxcedeira@gmail.com ou ben presencialmente no horario de apertura do centro.

Lea también

Sequeiro toma el relevo como sede de la XXII Muestra de Asociaciones de Valdoviño

Está organizada por las entidades vecinales, culturales y deportivas, con la colaboración del Ayuntamiento y …