Equiocio Ferrol prepárase para vivir os seus días grandes co arranque das competicións hípicas. Dende este venres, xornada da inauguración oficial, e ata o domingo, a pista central do certame será un auténtico non parar.
En total, ao redor de 280 xinetes e amazonas confirmaron participación nos diferentes concursos de salto que se disputan en Covas.
O director deportivo da cita, Federico Pérez Lago, sinalaba durante a presentación que entre o Concurso de Saltos Nacional*** Cidade de Ferrol, o Nacional de Ponis (CSNP1) e as probas da competición territorial contabilizaranse unhas 300 saídas a pista.
Compre lembrar que están inscritos máis de 260 cabalos, procedentes de Galicia, Madrid, Asturias, Cantabria, Castela León, Comunidade Valenciana e Portugal. Un dato, a delegación lusa alcanza a vintena longa de deportistas.
O Cidade de Ferrol, única competición nacional de categoría tres estrelas do verán galego, reunirá a primeiros espadas tanto de España como do país veciño. Entre este últimos, cómpre destacar a Miguel Viana, gañador do Gran Premio no 1999 e 2000, que volve tras doce anos de ausencia co obxectivo de anotarse un terceiro trunfo.
Tamén detrás dese reto chega o seu compatriota Ivo Carvalho, triunfador do 2021 e 2023. Pero nacionais como o madrileño Álvaro Gil (2022) e o galego Javier González Fraga, en racha, ou José Luis Milán poderían ter moito que dicir.
Con todo, se por algo destaca Equiocio é polo apoio á canteira, tanto a través do Nacional de Ponis, que volve ser valedoiro para a Copa de Campeones (acude o campión de España de Ponis C, Gonzalo Criado) e se inclúe ademais na Liga de Norte a Sur, como a través das probas do concurso autonómico de salto. Este último é, sen dúbida, o que move máis deportistas.
Oferta de lecer
O venres arranca a competición hípica e, en paralelo, se multiplican as propostas de lecer para o público visitante. As 12 horas, está fixado o acto de inauguración oficial, que presidirá o Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e contará coas actuacións da Coral Polifónica ferrolana del Casino Tenis Club e a Rondalla do Club do Campo. Pero haberá actividades dende horas antes.
Así, o venres chegan os obradoiros de plantación do Horto das Cabazas; os talleres de cerámica de La Barroteka; as actividades de reciclaxe creativa; o servizo de conciliación; as exhibicións de baloncesto en cadeira de rodas deBasketmi e de baile cun grupo do padroado de cultura de Narón ;e, como non, o concerto nocturno de Malditos Pendejos.
Finalmente, no plano gastronómico, ademais dos stands de primeiras marcas, as degustación de GALICIA SABE AMAR: “Cata a lata” (12.30 h), “De proximidade e con selo propio” (14 h) e “Mexillón de Galicia” (18 h), dúas a cargo dos chef Diego Domínguez & Maica Couto do restaurante La Ostrería (Santiago) e outra de Borja García do Restaurante Indómito (Santiago).
A 33 edición de Equiocio Ferrol conta como principais patrocinadores coa Xunta de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Gadis, Estrella Galicia e Turismo de Galicia. A relación complétase coa Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, Autoridade Portuaria de Ferrol San Cibrao, Sogama, J. Rilo e a Comunidade de Montes en man común de Covas e Esmelle.