A partir deste xoves, 1 de agosto, estarán operativas as novas salas de Radioloxía dos centros de saúde de Ortigueira e de Pontedeume, que evitarán desprazamentos a Ferrol á veciñanza de 11 concellos, beneficiando a máis de 43.000 persoas.
Así o avanzou esta semana o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen acompañado do alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, e da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, visitou a nova sala de raios do centro de saúde de Ortigueira.
Tal e como detallou o titular de Sanidade, o servizo funcionará de 8 da mañá ás 3 da tarde de luns a venres, desprazándose o técnico de Radioloxía os martes e xoves ao centro de saúde de Ortigueira, e os luns, mércores e venres ao centro de saúde de Pontedeume.
O conselleiro de Sanidade enmarcou esta medida no compromiso adquirido pola Xunta para fortalecer a atención primaria, aumentando a súa capacidade de resolución e mellorando o confort de pacientes e profesionais. Entre as melloras postas en marcha, destaca a renovación de 26 salas de raios e a creación doutras tres novas, a de Pontedeume, a de Ortigueira, e a de Rianxo.
Gómez Caamaño salientou os preto de 200.000 euros de investimento que supuxo a adquisición dos novos equipos radiolóxicos, xunto cos máis de 126.000 euros que a Xunta investiu no acondicionamento das instalacións dos dous centros de saúde para acoller estas instalacións.
No que se refire ao persoal, a Xunta creou unha nova praza de técnico de Radioloxía na área sanitaria de Ferrol, para dar cobertura a estas dúas salas de atención radiolóxica.
Aproveitando a creación destas novas salas, tamén se instalará o programa de intelixencia artificial como apoio diagnóstico a modo de iniciativa piloto, que xa existe no servizo de Urxencias do Hospital Universitario de Ferrol, e que será especificamente nos estudos de tórax e muscoloesquelético.
Máis equipamento
Na súa intervención Gómez Caamaño incidiu en que o seu departamento xa está a traballar na xestión dos fondos 2024 para o primeiro nivel asistencial, que acadarán os 11 millóns de euros, e que se destinarán a equipamento innovador e equipamento habitual, ademais de a obras en distintos centros de atención primaria.
Estes fondos foron de preto de 38 millóns no 2023, permitindo dotar aos centros de saúde de aparataxe máis moderno e proporcionando aos pacientes unha atención de maior calidade. Concretamente, o centro e saúde de Ortigueira dotouse dun desfibrilador e 2 electrocardiógrafos, aos que se destinaron 14.000 euros.
No que atinxe ao apartado de persoal, o conselleiro destacou o reforzo dos servizos no centro de saúde de Oritigueira cunha praza de pediatra, un nutricionista e un equipo de soporte de atención domiciliaria.
Gómez Caamaño rematou a súa intervención agradecendo o labor e dedicación de todos os profesionais de atención primaria e poñendo en valor os investimentos en equipamento, persoal e novos servizos que o Goberno galego está a realizar para mellorar a atención sanitaria dos veciños de Ortigueira e dos concellos da contorna.