Cedeira adxudica a explotación do chiringuito da Madalena

O Concello de Cedeira vén de resolver a concesión do chiringuito da praia da Madalena a favor da mellor oferta entre as catro presentadas ao concurso.

Así, un empresario da propia localidade vai facerse cargo do establecemento, de propiedade municipal e situado ao pé do concurrido areal, á altura do número 59 do Camiño Real.

O chiringuito que vai xestionar o cedeirés Adrián Fernández Costa é unha construción de madeira con 90 metros cadrados de superficie no interior, repartidos entre a barra e o espazo de cafetería para a consumición, almacén e baños masculino e feminino.

Ao establecemento corresponde tamén a explotación dunha terraza de 150 metros cadrados, situada nun dos accesos á praia da Madalena e polo tanto con moita circulación e moi animado habitualmente.

A concesión adxudícase para un prazo mínimo de dous anos, ampliable ata un máximo de cinco. O establecemento foi arranxado polo Concello en 2021 para poñelo de novo en servizo tras algúns anos parado.

Xunto coa oferta económica, na resolución do concurso tívose en conta o número de empregos e a porcentaxe de mulleres no plantel, así como o proxecto de decoración exterior e interior e o emprego de sistemas que melloren a eficiencia enerxética e reduzan o consumo de auga, entre outras cousas.

O adxudicatario incluiu na súa oferta a instalación dun aparcabicis e papeleiras, toldos vela e o servizo de comidas, almorzos e petiscos. Tamén ten previsto organizar concertos e outras actividades culturais no establecemento.

Lea también

El Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira convoca el concurso de diseño del cartel de 2026

El Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira anuncia la apertura del concurso de carteles …