José Fonte Sardiña
O día 25 de xullo de 1947 estaba Castelao en Marsella sumido na morriña e na negra sombra do exilio. “A miña imaxinación anda por Galiza, en festa de saudades, pero corporalmente aínda estou en Franza, dispois de perder eiquí un ano enteiro de imposibles afáns. E hoxe retornarei coa miña muller a Bos Aires, onde nos espera unha Galiza ideal, capaz de consolarnos de non poder morrer na Terra que nos dou a vida, na Patria que sempre está no noso corazón” (Castelao: “Sempre en Galiza”, Libro IV, capítulo I, primeira edición Buenos Aires, 1944, citado pola edición de Galaxia e La Voz de Galicia, A Coruña, 2001, t. II, p. 245) (Castelao e a súa muller, Virxinia Pereira, o día que casaron).
Alí fixo unha lúcida reflexión sobre o significado “que para nós ten o día do Apóstolo, convertido en Día de Galiza por ser a mellor afirmación do noso universalismo, pois sendo tan galega esta festividade non caben os seus motivos no estreito marco dunha soia patria. O seu carácter relixioso provén do misticismo cabaleiresco da Edade Media, francamente europeo, atlántico e oucidental; o seu carácter patriótico dimana da ofensiva oito veces secular iniciada en Galiza contra o Islam; e o seu carácter civil provén da confluencia dos camiños de Europa en Compostela e da irradiación do xenio de Galiza a través destes mesmos camiños […]. Velaí as tres sendas, os tres espritos e os tres feitos en que é doado afincar a groria deste día, un día tan grande que non hai outro que teña raíces máis fondas no sentimento popular galego, nin categoría universal máis elevada” (Idem, p. 247-249) (Escultura de Castelao na carballeira de Santa Susana de Santiago de Compostela, realizada por Francisco Leiro Lois).
Así e todo, para Castelao, “a triple siñificación deste día márcase máis nidiamente nas tres formas iconográficas do Apóstolo Sant-Iago; a forma europea, a forma hispana e a forma galega. Europa representou ao Apóstolo Sant-Iago a semellanza dos seus pelegríns, con esclavina e chapeu cobertos de cunchas-vieiras, un bordón na man direita e un libro na esquerda; os pés descalzos i en actitude de andar […], a modo de santo protector dos camiños, símbolo da alma viaxeira de Europa. Hespaña […], a semellanza dos guerreiros da Reconquista, montado nun cabalo branco e brandindo unha espada, terror de sarracenos, xa vencidos e derrubados no chan […], único caso dun Apóstolo de Cristo representado en forma pouco evanxelizadora. Galiza […], a semellanza dos Patriarcas, sentado en maxestade, un bastón na man esquerda e un pergameo na direita, a cabeza erguida, os ollos enfiados cara ao iñoto Oucidente e os versos a repetiren aquel psalmo de David: No mar están os teus camiños e nas moitas augas as túas sendas” (Idem, p. 247 e 248) (Santiago Peregrino ―o europeo― da Porta Santa da catedral compostelá pola que entran os peregrinos en Ano Xubilar; Santiago Matamouros, Cabaleiro ou Miles Christi ―o español― no Pazo de Raxoi, realizado polo escultor Ferreiro e encargado polo arcebispo eumés que lle deu nome ―foto de Luis Miguel Bugallo Sánchez―; e miniatura de Santiago en Maxestade ―o galego― do “Códice Calixtino”, que aparece tamén nas “Compostelas” que se lles entregan aos peregrinos para acreditar que fixeron o Camiño Xacobeo).
Aínda que probablemente a advocación de Santiago á parroquia de Boebre vén de tempos pouco posteriores á inventio ou descubrimento dos seus restos no bosque Libredón, no primeiro cuarto do século IX, este padroado do Apóstolo aparece recollido por primeira vez nun documento de 11 de setembro de 1064 do “Tombo de Lourenzá” que refire o preito por unha herdanza entre o bispo Suero de Mondoñedo ((1058-1070) e o infante e futuro rei de Galicia García I (1065-1072) e fala “in terra de Prucios, [do] monasterio sancti Iacobi Bulebre” (Rodríguez González e Rey Caíña: ‘El Tumbo del Monasterio de Villanueva de Lorenzana’, en “Estudios Mindonienses”, VIII, Ferrol, 1992, p. 40); o documento 193 do “Tombo de Caaveiro” cita tamén anos máis tarde, en 1103, a “ecclesiam Sancti Iacobi de Boevre” (De Castro Álvarez, Fernández de Viana y Vieites e González Balasch: “El monasterio de San Juan de Caaveiro”, A Coruña, 1999, p. 266). En 1270, ano da fundación da vila e alfoz de Pontedeume, por privilexio do rei Afonso X o Sabio (1252-1284), entre as preto de trinta freguesías habitadas polos “omes de la tierra de Pruços e de Bisoucos” que aparecen citadas no documento, cinco teñen como patrón parroquial a Santiago o Maior, e unha delas é “Santiago de Boeure” (Millán González-Pardo: “Toponimia del Concejo de Pontedeume » cartas reales de su Puebla y Alfoz”, A Coruña, 1987, p. 190) (Foto de Oilisab da igrexa parroquial de Santiago de Boebre).
A representación iconográfica do Apóstolo a semellanza dos peregrinos, que Castelao consideraba como a máis europeísta, podemos atopala presidindo o altar maior do templo parroquial de Santiago de Boebre. O seu patrón, con rostro sereno e barbado e ollos acastañados, agarra con firmeza coa súa destra o bordón coa cabaza e coa esquerda o Libro dos Evanxeos que veu predicar ás terras hispanas. Adianta a súa perna dereita, levemente flexionada, en actitude de camiñar. Viste unha túnica verde, cinguida por un cinto dourado e adornada con follas de acanto, que lle chega ata os pés, calzados cuns zapatos negros que asoman levemente. Por riba dela, porta unha longa capa vermella, coma o sangue do seu martirio, e sobre os ombreiros, unha esclavina negra con reberetes dourados e adornada con senllas cunchas de vieira, tamén douradas, a cada lado. Cobre a súa cabeza cun sombreiro negro de ala ancha con reberetes dourados e a cuncha de vieira, igualmente dourada, símbolo dos peregrinos xacobeos, cruzada por dúas espadas que representan o instrumento do seu martirio por Herodes en Xerusalén.
Colga do seu ombreiro dereito, sostido por unha correa dourada, un pequeno zurrón vermello, sempre aberto e “preparado para dar e para recibir”, consonte se di no sermón coñecido como ‘Veneranda dies’, recollido no “Códice Calixtino” (López Díaz (trad.): “Códice Calixtino. O Codex Calixtinus en galego”, Libro I, capítulo XVII, Santiago de Compostela, 2009, p. 215). Esta talla de Boebre mostra todos os atributos iconográficos que representan a Santiago como peregrino e segue con bastante fidelidade o modelo que aparece no altar maior da catedral compostelá (Santiago Peregrino no altar maior de Boebre).
A imaxe de Santiago dacabalo, que Castelao adoita denominar española ou hispana, representa ao Apóstolo como Matamouros, Cabaleiro ou Miles Christi, e rememora a súa milagrosa aparición en axuda das tropas cristiás do rei Ramiro I (790-850) na mítica batalla de Clavijo o 23 de maio do ano 844 contra o exército sarraceno.
O conxunto de Boebre, que se dispón no lado da Epístola do templo, segue, malia que dun xeito moito máis sinxelo, os modelos de Gambino na catedral ―hoxe retirado da súa capela por decisión do Cabido e substituído pola tumba
do bispo Teodomiro, descubridor co eremita Paio dos restos do Apóstolo no primeiro cuarto do século IX― e de Ferreiro no Pazo de Raxoi en Compostela. Santiago, a lombos dun cabalo branco, consonte relata a lenda, brande na man dereita unha espada e porta na esquerda o lábaro do exército cristián ao que socorre, cunha bandeira branca coa cruz vermella en forma de espada, símbolo do Cabido compostelán. Tres sarracenos vencidos aos seus pés, cos seusalfanxes e a indumentaria que os caracteriza, son a representación da derrota dos musulmáns; o que está á dereita de Santiago fai de atlante co seu brazo esquerdo da figura do santo dacabalo. O Apóstolo aparece con rostro sereno, viste unha casaca azul e capa vermella, cobre a cabeza cun sombreiro negro de ala ancha decorado cunha cuncha de vieira dourada e calza unhas botas negras que lle chegan aos xeonllos e pousa sobre dúas esporas para avivar o animal. O cabalo vai cinchado cunha correa dourada e engalanada cunha cuncha de vieira (Santiago Matamouros de Boebre).
Finalmente, a representación que Castelao considera máis galega do Apóstolo, en Maxestade, aparece en Boebre no fuste do cruceiro do adro parroquial, seguindo o modelo do que realizou o Mestre Mateo no parteluz do Pórtico da Gloria da catedral compostelá (Santiago en Maxestade no Pórtico da Gloria e no cruceiro de Boebre).
Ao pé do Crucificado, sobre unha pequena peaña, podemos ver no fuste do cruceiro de Boebre a talla de Santiago sedente no trono celeste, gañado por mor do martirio sufrido por orde de Herodes Agripa. O seu rostro barbado e coa melena recortada disponse nimbado como símbolo da súa santidade e mostra unha enorme serenidade e
satisfacción polo premio recibido. O sacrificio do Redentor foi un exemplo para Santiago e tamén resulta un modelo de vida para os seus seguidores. Como a figura compostelá, a do cruceiro de Boebre viste unha humilde túnica e porta na man dereita o pergameo no que estaban gravados o seu nome ou as Sagradas Escrituras e na esquerda, o bordón con forma de tau, que tamén utilizan como símbolo da cruz os irmáns da Orde de San Francisco, peregrino a Compostela no ano 1214 e impulsor da hospitalidade nos Camiños de Santiago, e usaban como báculo os bispos da diocese xacobea na Idade Media. Os seus pés están espidos, como símbolo de pobreza, xenerosidade e entrega aos demais. Como di o “Códice Calixtino”, no xa citado sermón ‘Veneranda dies’, “tamén os apóstolos foron despois peregrinos, porque o Señor os mandou sen cartos e sen calzado. Por esa razón non se lles permite de ningunha maneira aos peregrinos levar diñeiro, a non ser para repartilo entre os pobres” (Idem, p. 217).