O Concello de Cariño presentou a edición número XLVI da Mostra de Teatro, que volverá a dinamizar o municipio con distintas representacións teatrais desde o domingo 4 ata o sábado 10 de agosto.
Un total de 14 representacións de distintas índoles encherán de maxia os dous escenarios, que serán o auditorio Municipal e a praza da Pulida.
En palabras da alcaldesa, Ana María López, “a Mostra de Teatro de Cariño é un evento máis que consolidado no Ortegal, e mesmo en Galicia, que xa celebra a súa edición número XLVI, achegando ao noso municipio artistas de compañías de teatro de primeiro nivel”.
“Durante a Mostra, achéganse ao noso municipio centos de visitantes desde distintas partes para gozar das representacións, que ano tras ano ofrece unha ampla gama espectáculos teatrais para desfrute dos veciños de todas as idades” engadiu.
Pola súa banda, a deputada provincial, Cristina García, quixo “poñer en valor esta Mostra e a toda esa xente que a fai posible, que celebra xa 46 edicións, algo que é digno de subliñar”.
“Para a Deputación da Coruña é un pracer poder colaborar con este tipo de iniciativas, que achegan a cultura a municipios máis pequenos, facilitando o acceso a distintas disciplinas artísticas a todos os recursos da provincia” concluíu.
Programación da Mostra
O domingo ábrese a programación co acto de inauguración, no que se fará a entrega do Premio público adulto 2023 e do Premio público infantil 2023. Neste caso o premio adulto recaeu en na compañía Chévere coa obra ‘N.E.V.E.R.M.O.R.E’, mentres que no apartado infantil o recoñecemento vai para a compañía Náufragos coa súa obra ‘Hugo’.
A continuación o grupo de teatro Barafunda ofrecerá o espectáculo itinerante ‘Os zancudos’, que percorrerá as rúas da vila a partir das 12 horas. Ese mesmo días, a partir das 20:30 horas, a praza da Pulida ofrecerá o espectáculo circense de Mute, ‘Oran-Bi’, para todos os públicos, con entrada de balde.
O luns, 5 de agosto, o espectáculo trasládase ao auditorio Municipal, a partir das 12 horas, co grupo de teatro Ghazafeglhos e a súa obra ‘Bon Apetit’, para público familiar.
Ás 22 horas a cita será con Malasombra producións e a súa función ‘D.E.P., para público adulto.
O martes, 6 de agosto, a partir das 12 horas Os Náufragos representarán a obra ‘Comenoites’, para público familiar no auditorio Municipal. Cara a noite, a partir das 22 horas, tamén no auditorio, será a quenda para Culturactiva e ‘As alumnas’.
Na sesión de mañá do mércores, 7 de agosto, o auditorio Municipal acollerá a función infantil ‘Antón’, un neno diferente’ de Barafunda. De noite, o Grupo Chévere interpretará ‘As fillas bravas e o mito de ‘Casandra’.
O xoves 8 de agosto iníciase coa compañía Baobab Teatro e a súa obra ‘Ás para Álex’, a partir das 12 horas para público familiar. A sesión vespertina será para Tarabela Creativa, coa súa obra ‘Boa sorte e mala fama’, para un público adulto. O venres, 9 de agosto, na sesión matutina poderemos ver a función ‘Monstros’ de Excéntricas, para público familiar a partir das 12 horas. Pola noite o grupo Náufragos interpretará ‘Noso’ para un público adulto.
O sábado 10 ofreceranse dous espectáculos como peche da mostra. Ás 12 horas, na praza da Pulida, ofrecerase o espectáculo para todos os públicos, con entrada de balde, por parte de Culturactiva ‘Hoxe si’. Un espectáculo en linguaxe clown con acrobacias e moito humor. Por último, para rematar a programación, a praza da Pulida acollerá o espectáculo de música, ‘Catuxa Salom’, do grupo Urdime, para todos os públicos, a partir das 21 horas.
Desde o Concello de Cariño animan a tódolos veciños e visitantes, a achegarse ata o municipio e disfrutar do programa.