FeC buscará no pleno que Ferrol sexa unha cidade libre de prostitución e trata

Ferrol en Común ven de rexistrar unha moción «coa que buscar o compromiso da corporación para levar a cabo unha serie de medidas que axuden a loitar contra a prostitución e a trata, todo isto con motivo do Día Internacional contra a trata de persoas que é o vindeiro 30 de xullo».

«A prostitución é unha forma de explotación que debe ser abolida e non unha profesión que haxa que regulamentar porque é unha forma de violencia de xénero extrema. Así mesmo, detrás da alegalidade da prostitución agóchanse realidades de trata e explotación sexual, dous delitos tipificados no código penal español e contra os que hai que loitar encarecidamente con todos os medios posibles».

«En toda a comarca de Ferrolterra, contamos cunha única entidade implicada en traballar no eido da prostitución e a trata. Atenden a máis de 300 persoas en situación de prostitución, a grande maioría delas mulleres e a súa labor principal é a de axudar a saír desta terrible situación ás mulleres a través dos escasos recursos dos que dispoñen».

«Con esta moción queremos que o noso municipio implíquese activamente na erradicación da trata e a explotación sexual e nesta loita pola igualdade entre mulleres e homes apostando pola abolición da prostitución e empezando este compromiso por adherirse á rede de cidades libres de trata de mulleres, nenas e nenos destinados á prostitución e aprobar unha ordenanza abolicionista que prohiba a mercantilización dos seres humanos e penalice aos proxenetas, ao mesmo tempo que protexa ás mulleres en situación de prostitución».

«Así mesmo, tamén buscamos que o Concello de Ferrol adopte medidas de prevención, educación e formación permanente, destinadas a concienciar sobre a violencia sexista que supón a prostitución. Deseñar campañas de sensibilización e convencer á poboación de que a prostitución é igual a violencia de xénero e explotación sexual, poñendo sempre o foco sobre os prostituidores».

Dende FeC «consideramos que dende a area de Servizos Sociais pódense poñer en marcha diferentes medidas coma garantir o primeiro recurso habitacional, permitir o empadronamento nos centros e entidades adicadas a erradicar a prostitución e trata, establecer programas de captación laboral e dispoñer dunha canle directa entre as entidades especializadas neste eido e Benestar Social».

Lea también

Detenido en Canido uno de los principales proveedores de droga a Ferrol, con 3,5 kilos de cocaina

La Policía Nacional detuvo a un hombre en Ferrol como presunto autor de un delito …