As Festas do Carme en Pontedeume

José Fonte Sardiña
Sendo eu un rapaz ―que tempos che acordo, compañeiro!, como se dicía daquela―, malia que as festas principais de Pontedeume eran ―igual ca hoxe― as das Peras, na honra da nosa patroa ―a Virxe das Virtudes― e do copatrón ―san Nicolás de Tolentino―, que comezan coa saída dos Mómaros e rematan coa Xira ao Río Eume, había na vila ―ademais das romarías de San Miguel coa subida ao noso monte sacro de Breamo en maio e setembro― outras dúas moi importantes, as de San Cristovo ―tamén chamadas dos Taxistas, que homenaxeaban ao seu padroeiro, aquel santo xigante que segundo a lenda axudara a Xesús Cristo Neno a atravesar un río―, que chegaron a durar nos tempos do Bólido catro días, e as da Virxe do Carme, que organizaba a Confraría de Pescadores eumesa e tiñan dous de celebración (Imaxe procesional de san Cristovo da igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume).

Na alameda de Raxoi actuaban as mellores orquestras que daquela había en Galicia, entre as que nunca faltaban “Los Satélites”, a que máis sona tiña de todas, e o grupo “Lumbre”, logo chamado tamén “Os Eumeses”, no que a maioría dos seus compoñentes eran da vila ou a bisbarra. O día do Carme había tamén na ribeira unha gran sardiñada.

O 16 de xullo sempre foi festa grande na vila de Pontedeume, de fonda vocación mariñá ―como recolleu Abelardo Miguel, o Pintor de Mariñeiros, en moitos dos seus marabillosos lenzos―, e tamén na miña casa, non en balde avoa Marina ―á que eu non cheguei a coñecer― fora peixeira, meu pai era un curtido mariño que sucou os mares de
Europa e do alén e meu irmán máis novo, un acreditado mariñeiro nas nosas rías e nos mares máis afastados. Así pois, o día da patroa do mar cumpría facer festa rachada.

Como cada ano desde que morreu, este tamén, coa lembranza do meu pai e un arrepío nas entrañas, cantei, xa ben cedo, a Salve marinera, que sempre me chega ao corazón.

(Lenzo de Abelardo Miguel dunha peixeira como a miña avoa e foto do meu pai de uniforme).

Xa os días anteriores, a imaxe da Virxe do Carme ―co Neno no colo coa cabeza ergueita, os dous con senllos escapularios e coroas―, que se aloxa todo o ano nun pequeno e modesto fornelo situado no lado do Evanxeo da capela eumesa das Virtudes ―que acolle tamén á patroa da vila no fermoso retablo do altar maior―, a carón da casa
onde eu vivía, é trasladada ao Pósito ou Fogar do Pescador, para ser venerada polos seus devotos (Foto de Lola Fornos Ríos da Virxe do Carme no Pósito).

O día da festa, antes da misa solemne, que se celebra na ribeira, a imaxe da Virxe vai sobre os ombreiros dos mariñeiros, sempre acompañada pola Danza de Arcos ―cando eu aínda era novo, uns anos bailaban a miña irmá pequena co seu grupo “Airiños do Eume” e outros os de “Orballo”―, ata o barco que a leva navegando pola ría para a bendicir, e sempre desfila diante dela unha coroa de flores que logo é arrebolada ao mar en lembranza da xente que pasou a vida nel e xa non está con nós (A Virxe do Carme baixo os arcos).

Un dos barcos grandes da vila, engalanado coas bandeiras de Galicia e mais de España ―feitas en tea e izadas nun lugar preferente―, e as doutros moitos países ―máis pequenas, realizadas en papel e colocadas nun sitio menos relevante―, ten a honra, cada ano, de levar a Virxe do Carme ―que normalmente se xunta coa de Redes― pola ría de Ares, para bendicir o mar, e detrás del van os demais barcos pesqueiros e de recreo, tamén adornados con bandeiras. Entre eles estaba, como non, o noso caiuco, o “Cariña de Rosa”, gobernado polo seu patrón maior, o meu pai, que para a ocasión colocaba nun mastro as tres bandeiras, de Pontedeume, Galicia e España, que tamén
levaba no corazón. Así e todo, algún ano fomos no “Pedra Santa”, que era un dos que adoitaba acoller á Virxe e tiña por propietarios aos nosos primos, os fillos do meu querido tío Antón (Foto de Lola Fornos Ríos do barco que leva a imaxe da Virxe do Carme).

Desde o ano 1988, unha fermosa e orixinal imaxe de pedra da Virxe do Carme ―co Neno durmido no seu colo, cando o habitual é que estea esperto e coa cabeza ergueita, e sen o escapulario que iconograficamente lle correspondería levar―, realizada polo escultor Guillermo Feal por encargo de Juan Antonio Suanzes, preside, na Pena do Soldado, a praia de Zopazos, que está nada máis pasar a ponte de ferro, e despide e recibe aos mariñeiros que van ou veñen de pescar e a todas as persoas que navegan pola ría de Ares, acolléndoas baixo o seu manto protector, que cos seus particulares pregamentos semella imitar as ondas do mar e forma unha espiral coas cabezas de Xesús e a súa Nai (A Virxe do Carme co Neno durmido no seu colo e sen o escapulario, a coroa nin o nimbo, que máis parece unha representación da maternidade).

 

Cóntame o meu amigo Manuel Bouza ―tamén el ía adoito na procesión a bordo do Río Eume― que, cando o doante morreu, parte das súas cinzas foron esparexidas aos pés da escultura de Gillermo Feal (Foto de Lola Fornos Ríos da imaxe de pedra da Virxe do Carme na Pena do Soldado contemplando a procesión marítima).

Xa de volta na ribeira, a Nai de Deus regresa ao Fogar do Pescador, e máis tarde, na igrexa parroquial, o párroco impoñíalle o escapulario do Carme, que eu sempre teño comigo, a todo aquel que quixese. Cumpría así coa tradición que asegura que a Virxe do Carme fixera a promesa de salvar das penas do Inferno a quen levase o seu escapulario no momento da súa morte (A imaxe da Virxe do Carme regresa ao Pósito).

Este é o motivo polo que nos petos de ánimas aparece a Virxe do Carme tendéndolles a súa man salvífica aos fieis que se atopaban no Inferno ou no Purgatorio para subilos con Ela ao Ceo (Peto de Ánimas de Cacheiras, no concello de Teo, onde eu vivo, coa Virxe do Carme salvando aos devotos, e imaxe da patroa do mar, na fachada do seu convento en Santiago de Compostela).

Tamén a fachada do convento do Carme de Santiago de Compostela acolle a figura da Virxe ―con coroa, nimbo e o preceptivo escapulario na man, e co Neno Xesús no colo coa cabeza ergueita―, que no arco do seu fornelo ten gravada a lenda “Quien muriere con este escapulario no padecerá el fuego eterno”.

Lea también

¿Por qué abandonamos el Eje Atlántico?-(Enrique Barrera Beitia)

Enrique Barrera Beitia La noticia de que Ferrol ha decidido abandonar el Eje Atlántico (EA) …