O solpor unirá Fisterra coa localidade xaponesa de Nachikatsuura

Fuente Diputación de A Coruña

O vindeiro 23 de xullo, poñerase o sol en Fisterra aproximadamente ás 22:00 horas, xusto no mesmo momento no que sairá na localidade xaponesa de Nachikatsuura, no que serán xa ás 05:00 horas xa do día 24 en Xapón.

Esta coincidencia, que so se produce 2 días ao ano, é o motivo de unión entre ambos territorios, que contemplarán ao mesmo tempo o solpor fisterrán e o amencer nipón, mediante videoconferencia, nun evento que se celebrará simultaneamente nos dous lados do mundo.

O Semáforo de Fisterra será o escenario no que se poderá visualizar esta dobre estampa, nunha pantalla partida que amosará nun lado o sol saíndo polo Océano Pacífico e, no outro, o mesmo sol afundíndose no Atlántico, nun acto que contará con intervencións de representantes de ambos países.

A Deputación da Coruña apoia esta iniciativa, coordinada polo físico e catedrático da USC Jorge Mira, que parte dun estudo seu. O vicepresidente, Xosé Regueira, destaca que “queremos celebrar este vínculo que une dous territorios a máis de 10.000 km de distancia”.

Unha unión “que vai máis aló”, apunta Regueira, “xa que compartimos moito máis que eses dous días nos que coinciden o solpor e o amencer: orgullo da nosa autenticidade como territorio, unha identidade que representa a nosa razón de ser e un respecto absoluto pola contorna”. Cuestións “que defendemos dende a Deputación como fitos irrenunciables e transversais, e que definen as nosas estratexias turísticas”.

Ademais, ambas localidades comparten a súa condición de seren extremos de dúas rutas de peregrinación declaradas como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO: o Kumano Kodo – Camiño de Kumano – e o Camiño de Santiago de Compostela.

Deste xeito, o vindeiro 23 de xullo en Fisterra celebrarase «a unión entre Fisterra e Nachikatsuura, Galiza e Xapón”, nun evento institucional no que se poderá visualizar nunha mesma pantalla, de xeito simultáneo, o sol nacente xaponés e o mesmo sol desaparecendo en Europa.

Lea también

El Gobierno afirma que las futuras instalaciones de SAIC «son perfectamente compatibles» con desarrollo de eólica marina

El Gobierno asegura que las futuras instalaciones en Galicia del gigante chino SAIC «son perfectamente …