A proposta incorpora esta ano un showcooking, unha mexillonada popular, un recital
poético-musical de ambientación mariñeira e un obradoiro infantil.
A Agrupación Instrutiva de Caamouco (Ares) segue reforzando a súa aposta polas actividades a prol da recuperación das tradicións mariñeiras da zona. A entidade organiza por segundo ano consecutivo as xornadas ‘Días de mar’, cunha programación que multiplica a súa oferta respecto do ano pasado. As propostas que se inclúen neste programa, que se prolongará do 27 de xullo ao 2 de agosto, están centradas na difusión da cultura mariñeira e serven de gran antesala da Festa da Cabria, prevista este ano para o sábado 3 de agosto.
‘Días de mar’ inclúe nesta segunda edición grandes novidades que buscan facer as xornadas máis atractivas para o público xeral. Así, incorpóranse dúas propostas gastronómicas, unha actuación poético-musical ou un obradoiro infantil. Todo iso mantendo o seu espírito divulgativo, con conferencias, presentacións ou exposicións de gran interese.
Outra das novidades deste ano é que ‘Días de mar’ contará con dous espazos. Máis alá da sede da Agrupación, onde se desenvolverá o groso da programación, a entidade ofrecerá ao público a oportunidade de visitar o Alboio da praia de Areamorta, de titularidade municipal, grazas a un acordo co Concello de Ares. Nese espazo tamén se instalará unha das mostras que forman parte este ano do cartel.
En concreto, no Alboio de Areamorta poderase visitar a exposición ‘Cultura oceánica’, promovida polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA). Estará dispoñible entre o 27 de xullo e o 2 de agosto, en horario de 12 a 14 horas. Tamén entre esas datas poderanse visitar na sede da Agrupación Instrutiva outras dúas mostras, ‘Un mar de lendas‘, deseñada pola Agrupación, e ‘Compañeiras do mar e do ceo’, impulsada tamén polo CEIDA. Neste caso o horario de visitas será de 19 a 21 horas.
Unha das xornadas centrais de ‘Días de mar’ será o sábado 27 de xullo, cun especial protagonismo para as actividades gastronómicas. Pola mañá terá lugar un showcooking co cociñeiro e veciño de Caamouco José Luis Pereira. Cociñará en vivo ante un grupo reducido picaracha, un guiso mariñeiro a base de sardiñas ou parrochas presente nas mesas de xeracións e xeracións de veciños de Caamouco e do resto da comarca. Inscrición previa no 680 16 19 29 (prazo socios dende o 15 de xullo / non socios dende o 22).
Pola tarde, ás 18:00 horas, celebrarase o acto de presentación oficial das xornadas, coa participación de colaboradores e representantes da administración local. A continuación, ás 19:00 horas, Eugenia Sanmartín e Helga Méndez ofrecerán un recital poético-musical de temática mariñeira que dará paso a unha mexillonada popular aberta a todo o mundo. O menú, ademais de mexillóns de Galicia, inclúe tamén a degustación de pementos da IXP Pemento do Couto.
O domingo 28 de xullo será outra das xornadas destacadas na programación de ‘Días de mar’. Pola mañá celebrase o obradoiro infantil ‘Facemos a nosa propia cabria!‘. Unha actividade para a que é precisa inscrición previa no 680 16 19 29 (prazo socios dende o 15 de xullo / non socios dende o 22). Esa mesma mañá organizarase tamén unha visita á sección de Ambiente Mariño ao Museo de Historia Natural de Ferrol. O día rematará coa proxección do documental ‘Carpintería de ribeira. Fasquiando o Futuro’ e coloquio con membros da Asociación Galega de Carpinteria de Ribeira.
O resto da programación complétase con diferentes conferencias, comezando o martes 30 de xullo ás 19.30 por ‘Historia das radiocomunicacións no mar’, impartida por Nazario Lledó, Oficial Radioelectrónico da Marina Mercante e veciño de Caamouco. Ao día seguinte, o mércores 31 ás 19.30 horas, Sergio París, técnico do CEIDA, ofrecerá a conferencia ‘Aves mariñas da ría de Ares e do Golfo Ártabro’.
Entre tanto, o xoves 1 de agosto ás 19.30 horas, será o investigador Xabier Brisset o que se achegue á Agrupación coa súa conferencia ‘ A sabiduría das ribeiras pescadoras e o santuario Ártabro’. A programación remata o venres 2 de agosto ás 19.30 horas coa presentación do número 16 de ‘Nova Ardesía’ da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.
Festa da Cabria
Coas xornadas ‘Días de mar‘ a Agrupación Instrutiva busca ir abrindo boca para un dos seus eventos máis importantes, a Festa da Cabria. Este ano celebrarase o 3 de agosto, con novidades na súa programación. A cita vai incorporar novos obradoiros e tamén unha visita guiada ao Alboio de Areamorta, grazas á colaboración do Concello de Ares.
A edición deste ano, cuxo cartel será anunciado en breve, incluirá tamén unha interesante parte musical, cun concerto de fin de festa do grupo Encrucillada.