Narón acolle a XXIV Oenach Atlántico

As edís de Festas e Turismo de Narón, Mar Gómez e Natalia Hermida, presentaron este xoves 4 xunto con Josefa Castro, Gloria Couce, Fina Montero, Pilar Piñón, Paulino Gasalla e Juan Veiga, integrantes da asociación Rosa dos Ventos, de Sedes, a vixésimo cuarta edición do Oenach Atlántico, que se celebrará na citada parroquia os días 26, 27 e 28 deste mes.

A cita, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, ofrecerá á veciñanza e visitantes múltiples propostas, entre as que se inclúe a recreación do modo de vida dunha aldea celto-galaica.

O venres 26 ás 21.00 horas procederase ao acto de inauguración, co tradicional acendido de lumes. A música marcará o inicio desta celebración, cunha Noite de música Galiciana a partir das 22.00 horas na que se poderá desfrutar do concerto de Óscar Ibáñez & Tribo.

A programación continuará o día 27 coa apertura da campa castrexa ás 11:00 horas, momento no que tamén comezarán as mostras de artesanía en vivo e as actividades lúdicas para pequenos e maiores. O espazo gastronómico da campa do Trece terá tamén un apartado propio ao mediodía.

Pola tarde, dende as 16:00 ata as 20:00 horas, o espazo lúdico retomará os xogos populares e ás 18:00 haberá unha parada etnográfica da música e o baile tradicional, amenizada polo Grupo de música e danza tradicional Alxibeira.

Pola noite, a partir das 22:30 horas, celebrarase a tradicional “Noite do castro”, coa representación da obra Vida, de Laura Aneiros, a cargo da gran Compañía de Teatro Comunitario de Sedes.

Na última xornada desta edición do Oenach Atlántico, o domingo 28, reabrirá a campa e retomarase a artesanía en vivo, así como as actividades lúdicas para pequenos e maiores, ás 11:00 horas. Tamén nese momento haberá unha Mostra de Can de Palleiro nas inmediacións da nave do recinto feiral do Trece e ás 12:30 poderase ver unha recreación teatral na campa, concretamente a obra Agripa, de Juan Miguel Padín.

A sesión vermú dará comezo ás 13:00 horas, coa agrupación Tanto nos ten, e ás 14:00 comezará o Oenach gastronómico no espazo de xantares. Xa pola tarde, entre as 16:00 e as 20:00 horas poderase desfrutar de xogos populares e ás 17:00 dará comezo o concerto de Café Dorothé. A música continuará ás 18:00 cunha parada etnográfica da música tradicional, a cargo da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón, para dar paso ás 19:00 a unha recreación na campa como acto de clausura desta celebración.

O broche final desta edición será musical, cun concerto de Comando Curuxás que se iniciará ás 20:00 horas. A programación pode descargarse dende un código QR impreso na cartelería e dispoñible tamén dende a web municipal. Así mesmo, estará dispoñible na Oficina de Turismo de Narón e repartirase en todas as do xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, tal e como se indicou dende o Consistorio.

As edís naronesas e os representantes da entidade veciñal animaron á xente a acudir caracterizados a este evento, que reúne cada ano a centos de persoas para desfrutar das múltiples propostas deseñadas para a ocasión. Así mesmo, dende o Consistorio agradeceuse a implicación da AVV Rosa dos Ventos por colaborar co Concello e manter viva unha das festividades que permiten poñer en valor a nosa cultura e tradicións.

O Concello de Narón e o Padroado da Cultura organizan a convocatoria coa AVV Rosa dos Ventos de Sedes e en colaboración coa Xunta de Galicia, Abanca e a Deputación da Coruña.

Lea también

O alumeado de Nadal en Narón acenderase este xoves

A concelleira de Festas, Mar Gómez, anunciou que o tradicional acto de acendido do alumeado …