A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, informou que o Concello de Narón estará presente un ano máis na campaña Primavera no Camiño Inglés impulsada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés en colaboración coa Deputación e o Concello da Coruña.
O evento desenvolverase o vindeiro 22 de xuño nos xardíns de Méndez Núñez, na Coruña. Ás 12:00 horas terá lugar a recepción de autoridades e ás 13:00 inaugurarase oficialmente o evento, cuxos stands permanecerán abertos dende as 11:00 ata as 20:00 horas.
Hemida explicou que Narón, como unha das cidades que forman parte da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, “levará un stand de 3×2 metros, que estará atendido por dúas informadoras turísticas, que se encargarán de ofrecer información dos principais recursos turísticos do noso concello”.
Entre eses recursos están a guía de turismo “Narón para os teus ollos”, as rutas turísticas de “Pena Molexa-Monte da Lagoa”, “Ruta dos muíños”, ruta do Camiño a Santo André de Teixido, e o tramo do Camiño Inglés ao seu paso por Narón destacando “Narón 100” punto do paseo marítimo de Xuvia no que se atopa o hito de pedra que sinala que o peregrino está a cen quilómetros de Compostela, a distancia mínima para poder recibir a compostelá, e a uns metros do indicador turístico “Narón Camiño Inglés”, tamén no propio paseo.
A edil de Turismo indicou que ademais, “este ano, como novidade, levamos tamén un stand na zona gastronómica da feira onde se instalará a pastelería Santy, o establecemento autorizado na cidade para vender a Tarta de Narón, que se poderá adquirir nese evento”.
A programación do evento inclúe un espazo institucional e de feira turística, cun escenario de primavera; uns obradoiros infantís e actividades culturais no espazo lúdico primavera e un espazo gastronómico e de mercado artesanal no escenario rede stelar.
A programación ao completo pode consultarse a través da web: www.caminoingles.gal e do Instagram: @camino¬_ingles_oficial.