Narón reactiva a campaña sobre o programa de reciclaxe de residuos orgánicos

A campaña informativa “Ti tes a chave” sobre o programa de reciclaxe de residuos orgánicos en Narón continuará desenvolvéndose esta semana na cidade con novas accións a pé de rúa. Así o anunciou o edil de Servizos, Manuel Ramos, que avanzou que as sesións se desenvolverán durante catro venres, nos meses de xuño e xullo, en horario de mañá e tarde.

Este venres 21, a carpa informativa, atendida por profesionais nesta área, instalarase pola mañá nas inmediacións do novo centro de saúde, en horario de 10:30 a 13:30 e pola tarde no parque do río Freixeiro, entre as 15:30 e as 18:30.

A campaña continuará o vindeiro venres, día 28, xornada na que a cidadanía poderá informarse xunto á entrada principal do Consistorio, de 10:30 a 13:30 e pola tarde, entre as 15:30 e as 18:30 nas inmediacións da Praza da Constitución, na Solaina.

No mes de xullo, a campaña informativa sobre o programa de reciclaxe de residuos urbanos retomarase o día 5, permanecendo a carpa en horario de mañá nas inmediacións do Centro Comercial Odeón e pola tarde na Praza da Gándara.

A última das xornadas programadas nesta quenda será o día 12 do citado mes, instalándose de novo a carpa xunto ao novo centro de saúde pola mañá e no paseo marítimo de Xuvia (xunto á zona de xogos) pola tarde.

No colector marrón deben depositarse restos de carne e peixe, cunhas de marisco ou froitos secos, de pan, café, tapóns de cortiza, restos de verduras e froitas…en definitiva, calquera resto orgánico.

As persoas que acudan ao posto informativo interesadas en participar na campaña recibirán o kit de benvida, que consiste nun colector marrón de dez litros para uso doméstico, un lote de bolsas de compostaxe para os primeiros usos e a chave do colector marrón.

O edil naronés recordou que estas campañas se iniciaron xa o pasado ano, antes da entrada en servizo dos novos colectores marróns, algo máis de medio cento, xa instalados na zona urbana da cidade.

Localízanse naqueles núcleos nos que o radio de distancia alcanza un considerable número de vivendas e tamén de áreas comerciais e de hostalería. Ramos destacou que a día de hoxe “hai dadas de alta nesta campaña un total de 550 persoas, unha cifra moi significativa e que irá incrementándose co paso do tempo, contribuíndo a incrementar a reciclaxe de residuos orgánicos”.

O edil destacou o feito de que “queremos ser máis sostibles e iso so será posible coa implicación de toda a cidadanía, por iso queremos facer unha nova chamada á participación das familias de Narón neste novidoso proxecto, que de seguro sentará as bases do que será a futura recollida de lixo da nosa cidade”.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …