Inscrición aberta en Narón na última andaina do programa “Ponte en ruta con nós”

foto archivo

O Padroado de Deportes do Concello de Narón mantén aberto dende este luns 10 ata o mércores día 12 o prazo de inscrición na terceira andaina do programa municipal “Ponte en ruta con nós”.

A camiñata, tal e como recordou o edil de Deportes, terá lugar este domingo día 16, e consistirá nun percorrido duns 13,5 quilómetros pola Ruta dos Muíños e o mirador de Ancos, a realizar en aproximadamente tres horas e media.

O punto de encontro dos camiñantes será no paseo marítimo de Xuvia, debendo estar xunto ao magnolio do paseo marítimo de Xuvia vinte minutos antes do inicio do percorrido.

Dende a ponte de Xuvia os participantes sairán cara ao muíño de Xuvia e irán ata a Presa do Rei para, dende alí, dirixirse a Pedroso, o muíño de Entrerríos, a ponte romática de Pielas e o mirador de Ancos para regresar dende este útlimo punto cara á ponte de Xuvia.

Ao remate da andaina, haberá na zona de paseo de Xuvia racións de callos para todos os participantes, con motivo do remate do programa “Ponte en ruta con nós” desta tempada.

As persoas interesadas en participar deben inscribirse nas oficinas do Padroado de Deportes (estrada da Gándara, 148) en horario de 8:30 a 13:00. Poderán acudir un máximo de 150 persoas, debendo asistir os menores de 18 anos acompañadas do pai/nai ou titor/a. O prezo da inscrición é de cinco euros por persoa.

Santalla recordou que a andaina deste domingo será a última programada antes da tempada estival, sumándose ás xa realizadas nos meses de abril e maio. O edil naronés animou ós veciños a inscribirse nesta actividade, non competitiva e pensada “para facer exercicio ao aire libre e coñecer parte do patrimonio da nosa cidade”.

Para máis información pódese contactar co Padroado de Deportes chamando ao número de teléfono 981 387 522.

Lea también

72 persoas participan en Narón nos obradoiros do proxecto municipal aCLIMAtarnos

A Casa da Mocidade acolleu o primeiro dos obradoiros do proxecto “aCLIMAtarnos”, sobre concienciación ambiental …