Inscrición aberta para participar no Trishark Narón 2024

O edil de Deportes do Concello de Narón, Ibán Santalla, anunciou este luns 10 xunto con Amando Guerrero, presidente da Agrupación Deportiva Náutico Narón e Javier Campos, presidente da Federación Galega de Tríatlon, a apertura do prazo de inscrición no Trishark Narón 2024.

Santalla avanzou que o evento se desenvolverá o 20 de xullo no paseo marítimo de Xuvia e informou que o prazo de inscricións permanecerá aberto ata o 15 de xullo ás 23:59 horas a través da web: www.fegatri.org.

A proba principal formará parte do circuíto galego de tríatlon 24 e, ao mesmo tempo, clasificatoria para o campionato galego de tríatlon sprint.

Haberá tamén unha proba de carácter popular, con 200 prazas, aberta ao público en xeral (maiores de 16 anos), federados e non federados. O programa da proba inclúe ademais unha proba de promoción que se disputará na tarde do venres 19 de xullo para as nenas e nenos, un acuatlón (nadar e carreira).

A proba popular (categorías xuvenil, junior, absoluta e veterán) será de 400 metros de natación; 11 quilómetros en bicicleta e 1,7 quilómetros de carreira (unha volta) e a do circuíto galego (xuvenil, junior, sub 23, absoluta eveterán 1, 2 e 3), de 750 metros de natación, 22 quilómetros en bicicleta e cinco de carreira.

A saída da proba popular será ás 16:20 horas, se ben a saída masculina do circuíto galego será ás 17:15 e a feminina ás 17:20 horas, tal e como se especifica no programa. A previsión de remate da competición é ás 18:45 horas.

O presidente da AD Náutico de Narón, Amando Guerrero, indicou que contan reunir a máis de medio milleiro de participantes da edición do ano anterior “porque a pesar do pouco tempo que se disputa a proba é un dos tríatlons con máis solera do noroeste ibérico”.

Pola súa banda, Javier Campos, da Fegatri, agradeceu de antemán a bos predisposición do club naronés e do Concello co deporte, non só na organización do Trishark senón tamén co acuatlón de promoción para nenos.

O concelleiro de Deportes de Narón destacou o labor da AD Náutico de Narón na organización dunha nova edición do exitoso Trishark e tamén o respaldo que un ano máis lle brinda a Fegatri.

Santalla animou ás persoas interesadas neste deporte a inscribirse e desfrutar das probas que se disputarán o vindeiro mes de xullo na cidade.

Lea también

Abierta la presentación de ofertas en FIMO Ferrol, para la ciudad del deporte

Hasta el próximo 29 de julio se pueden presentar las ofertas para las mejoras en …