Ao redor de sesenta obras compoñen a exposición do II Concurso de Bd de Humor Demo Pequeno que se inaugura este venres 7 de xuño, ás 18 horas, no Museo do Humor Xaquín Marín de Fene.
A mostra recolle a totalidade dos traballos presentados ao certame que este ano convidou aos rapaces, entre 8 e 16 anos, a debuxar unha historia curta de banda deseñada ou tira cómica, con enfoque humorístico sobre “a revolución tecnolóxica que está a cambiar o mundo”.
No acto deste venres, aberto ao público en xeral, entregaranse tamén os premios aos gañadores/as: Diego Noguerol Feijoo (1º premio categoría Infantil), Maia Tato Rodríguez (2º premio categoría Infantil), Ainara Soto Reino (1º premio categoría Xuvenil), e Ana Manso López e Gael Rivas Núñez , do CPR Santa Juana de Lestonnac, Ferrol (2º premio categoría Xuvenil).
Tamén haberá diploma e un pequeño agasallo para os finalistas da categoría Xuvenil: Jimena Rivas Garel, do IES Concepción Arenal, Ferrol, e Noa Fachal Bermúdez, do CPI San Sadurniño.
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, o editor de Demo Editorial, Manel Cráneo, a responsable do Museo do Humor Xaquin Marín, Almudena Marcos e a debuxante e membro do xurado Inés Vázquez acompañarán este venres aos gañadores e a todos os participantes que se animen a asistir á inauguración da mostra.
Ademais, segundo anuncian as entidades organizadoras, á par que abre ao público a exposición física, a partir do venres tamén se poderán ver todas as obras presentadas ao certame nunha galería virtual dispoñible na web do centro fenés (museodohumor.fene.gal).
A exposición do II Concurso de BD de Humor Demo Pequeno permanecerá aberta ao público nas instalacións do Museo do Humor Xaquín Marín (Avda. de Conces, 20-22, Fene) do venres 7 de xuño ao mércores 31 de xullo. O horario de visitas até o próximo 21 de xuño será: de luns a venres, de 10 a 13 e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas. A partir desa data, por por do cambio ao horario estival, a instalación abrirá ao público de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas.
Fallo do xurado e premios
Na xuntanza celebrada o pasado 9 de maio, o xurado do II Concurso de BD de Humor Demo Pequeno -formado polos debuxantes Inés Vázquez e Víctor Boullón, xunto co autor de bd e editor de Demo Editorial, Manel Cráneo, e a coordinadora do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos- acordou conceder os seguintes premios:
Na categoría infantil (de 8 a 11 anos):
1º Premio, dotado con 100 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75€ e diploma, á obra presentada co título Xeriátrico de Robots. Aberta a plica, o seu autor é Diego Noguerol Feijoo. O xurado valorou a calidade técnica do debuxo, a limpeza no tratamento da cor, unha boa composición e un guión que acompaña coa calidade do debuxo. Ademais salientou que a historia se entende con total claridade.
2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 50€ e diploma, á obra presentada co título Desde o seu punto de vista. Aberta a plica, a súa autora é Maia Tato Rodríguez. O xurado valorou que o guión da historia é moi divertido e que se entende moi ben, convidando a serguir lendo. Ademais, condensa moita información en pouco espacio, sen deixar de ser unha historia de síntese. E que o deseño do personaxe central é moi orixinal e mola moito.
Na categoría Xuvenil (de 12 a 16 anos):
1º Premio, dotado con 100 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 100€ e diploma, á obra presentada co título Imaxinando o futuro. Aberta a plica, a súa autora é Ainara Soto Reino. O xurado valorou a combinación perfecta entre guión e debuxo, unha técnica de cor espectacular en relación á categoría que compite e o uso moi correcto da narrativa gráfica.
2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75 € e diploma, á obra presentada sen título. Aberta a plica os seus autores son Ana Manso López e Gael Rivas Núñez (CPR Santa Juana de Lestonnac). O xurado valorou a minuciosidade do debuxo e a calidade do entintado. Tamén salientou a narrativa, clara e directa, e o carácter optimista da historia, resolta con humor branco.
Asemade, o xurado acordou nomear finalistas na categoría Xuvenil, con diploma e agasallo pero sen dotación económica, aos traballos presentados por Jimena Rivas Garel (IES Concepción Arenal, Ferrol), co título O paraxo robot, e Noa Fachal Bermúdez (CPI San Sadurniño), co título Carmen e as novas tecnoloxías.
Organizan: Museo do Humor Xaquín Marín (concellería de Cultura do Concello de Fene) e Demo Editorial