Estudantes de Monfero alertan no Parlamento de Galicia sobre o perigo dos discursos de odio

Máis de 50 nenos, nenas e adolescentes galegos alzaron este martes a súa voz para expoñer as súas demandas e preocupacións no eido da educación, nunha sesión extraordinaria do Parlamento de Galicia impulsada pola coalición galega da Campaña Mundial pola Educación (CME), formada por Educo, Entreculturas, Taller de Solidariedade, a Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración de Ayuda en Acción.

Este acto, que coincide co Día Internacional dos nenos e nenas vítimas inocentes de agresión, tivo lugar  ante representantes das distintas forzas políticas con representación parlamentaria. Nel, os estudantes alertaron sobre o perigo dos discurso de odio e fixeron fincapé na importancia de concienciar á sociedade fronte a estes.

Os rapaces participantes na sesión pertencen aos CPI Virxe da Cela (Monfero, A Coruña), CEIP Víctor Sáenz (Mazaricos, A Coruña), CEIP Vendas da Barreira (Riós, Ourense) e Maristas de Lugo. Tamén participaron alumnas e alumnos do Grao de Pedagoxía e doctorandos da USC e un estudante en representación do colectivo «Estudiantes por la Inclusión»

Na sesión expuxéronse demandas como a necesidade de habilitar nos centros educativos programas de concienciación sensibilización fronte á diversidade dende idades temperás, a proposta da creación de escolas de pais e nais, así como a formación do profesorado e a posta en marcha de equipos de mediación. Tamén se puxo sobre a mesa a importancia da formación para un uso responsable e seguro das redes sociais.

Campaña Mundial pola Educación

Esta actividade supón un espazo estable de participación entre nenos, nenas e adolescentes participantes na Campaña Mundial pola Educación en Galicia e os representantes políticos a nivel autonómico co fin de escoitar e recoller as peticións que os estudantes prepararon con antelación, a través da realización de obradoiros de sensibilización, concienciación e reflexión coa axuda do seu profesorado e educadores de referencia co apoio do equipo técnico da CME galega. Búscase deste xeito chegar ao máis alto nivel de representación política do nivel autonómico responsable da política pública de cooperación para o desenvolvemento e mais da política pública en materia educativa da Xunta de Galicia.

Coa realización desta actividade faise efectivo o dereito á participación social e política a través da reivindicación do dereito universal á educación e do cumprimento do ODS 4, dos nenos nenas e adolescentes, e evidénciase o apoderamento da rapazada, a través da adquisición de competencias en cidadanía global e democrática e no exercicio do seu dereito, obtendo resultados moi satisfactorios e unha boa resposta por parte dos representantes políticos en materia educativa da comunidade.

Esta sesión supón o broche de ouro ás accións postas en marcha pola coalición galega da Campaña Mundial pola Educación (CME), no marco da Semana da Acción Mundial pola Educación (SAME) 2024.

Lea también

COGAMI demanda medidas para garantizar una educación inclusiva y accesible

Ante el inicio de este nuevo curso escolar 2024-2025,  la Confederación Gallega de Personas con …